ACoruña e Santiago de Compostela analizan o mapa de rutas dos aeroportos de Alvedro e Lavacolla
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e a concelleira de Turismo en Santiago de Compostela, Marta Lois, reuníronse no Pazo de María Pita na tarde de onte, mércores 23, para analizar a situación dos aeroportos de Alvedro e Lavacolla. “Intercambiamos información entre ambos concellos de cara a facer unha análise do mapa de rutas de cara ao futuro”, sinalou Lema, responsable da área de Turismo na cidade da Coruña. “Este é o primeiro dunha serie de encontros para mellorar a coordinación e optimizar os recursos das Administracións locais”, salientou o concelleiro, quen lembrou que “os concellos da Coruña e Santiago non teñen competencia directa sobre os aeroportos, pero si poden estudar a súa situación e buscar unha racionalización dos investimentos públicos”.
O edil destacou a “boa sintonía e fluidez” entre ambas institucións, emprazadas a un novo encontro que terá lugar nas vindeiras semanas en Santiago de Compostela.











