publicidade hoxe

Acebe organiza o III Desfile de Moda do Comercio de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A Praza da Constitución converterase de novo mañá sábado 19 de setembro nunha pasarela de moda na que unha ducia de comercios asociados a ACEBE CCA mostrarán as súas propostas para a tempada outono-inverno. O III Desfile de Moda do Comercio de Betanzos é unha iniciativa organizada por ACEBE CCA e concebida coa idea de ofrecer aos asociados unha oportunidade para que poidan participar nun evento no que poderán amosar ao público asistente unha escolla de todo o que ofrecen os establecementos comerciais de Betanzos.

O desfile comezará ás 20.00 h, estará presentado pola xornalista betanceira Lucía Tenreiro e desenvolverase nunha pasarela instalada na Praza da Constitución. ACEBE CCA elixiu unha vez máis esta ubicación emblemática o que supón unha clara aposta por contribuir á revitalización do Casco Histórico mediante accións de dinamización comercial.

No desfile participarán Bicoca Moda Home, Carrousel, Cuore Boutique, Cuplé, Dans Complementos, Freesia, Graf, Óptica Selgas, Outfit, Tikismikis e Xoma Kids. Haberá un pase de moda infantil no que os nenos e nenas participantes amosarán as novidades de Carrousel e Xoma Kids, e un pase de adultos no que os modelos desfilarán coas propostas de Cuplé, Dans Complementos, Freesia, Graf, Óptica Selgas, Outfit e Tikismikis, que presentarán looks de home e muller de todos os estilos ademais de complementos, calzado, óptica, lencería ou cerimonia. Pechará o evento un desfile de moda nupcial da man de Cuore Boutique e Bicoca Moda Home no que haberá unha sorpresa final.

O evento contará coa colaboración de Arume Fotografía, Flores Dans; Fuchica Na Testa, Grupo Suárez Peluqueros e Nana Peluquería Infantil que se encargarán do peiteado de todos os modelos, tanto nenos como adultos, que participarán no desfile.

O Desfile de Moda do Comercio de Betanzos celebrouse por primeira vez en maio de 2014 e tivo una moi boa acollida. Houbo unha segunda edición en maio de 2015 e agora esta terceira coa que ACEBE CCA, procura a consolidación deste evento. A Presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, mostrouse ilusionada: “é moi importante que poidamos repetir este evento e esperamos que se repita o éxito das edicións anteriores xa que consideramos que o desfile de moda é unha ferramenta moi importante de cara á promoción do noso comercio”. Asimesmo a presidenta de ACEBE CCA agradeceu o apoio dos socios e socias que se involucraron no proxecto.

 Para levar adiante este proxecto ACEBE CCA conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos.

18 de setembro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.