Ábrese o prazo de matrícula no obradoiro Coidando á coidadora do II Plan de Igualdade de Narón
A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, anunciou a apertura do prazo de inscrición, dende mañá ata o 30 de setembro, no obradoiro Coidando á coidadora, enmarcado no II Plan de Igualdade do Concello de Narón. Os destinatarios desta iniciativa son homes e mulleres coidadores/as non profesionais a partir de 18 anos. As persoas interesadas deben anotarse no Rexistro Xeral do Concello –de 8.30 a 13.00 horas-, presentando a instancia correspondente xunto cunha fotocopia do D.N.I. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e a concesión das mesmas comunicarase por teléfono ás persoas que obteñan unha das quince dispoñibles.
O obradoiro Coidando á coidadora desenvolverase entre o 2 de outubro e o 18 de decembro, os venres, en horario de 18.30 a 20.30 no Centro Comunitario “Manuela Pérez Sequeiros”. As sesións permitirán aos participantes adquirir habelencias básicas e de reforzo psicolóxico para coidadoras non profesionais de persoas dependentes, tal e como apuntou a edil de Promoción Social. Entre os obxectivos destes obradoiros están, recordou Teresa Sabio, contribuír ao desenvolvemento persoal e benestar das persoas dependentes; mellorar os seus recursos para potenciar o seu autocoidado e aumentar a súa formación e habilidades para poder atender a dependentes. As clases dividiranse en catro bloques: Estratexias de autocoidado; Estratexias para afrontar situacións difíciles; Emocións e sentimentos e Estratexias para mellorar a comunicación. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario, chamando ao teléfono 981 337 700 (ext. 1113 e 1115).











