A Xunta solicita a implicación dos servizos sociais da Coruña en relación coas vivendas ocupadas ilegalmente en Mesoiro
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto solicitou hoxe que o concello da Coruña exerza as súas competencias en materia de servizos sociais atendendo ás necesidades das familias que se atopan en situación de vulnerabilidade nas vivendas de promoción pública de Mesoiro. Para iso o representante autonómico facilitoulle aos representantes do concello da Coruña a lista de vivendas ocupadas ilegalmente no edificio.
O obxectivo é que os servizos sociais do concello coruñés poidan adoptar as medidas necesarias unha vez que o IGVS recupere a posesión de ditas vivendas para a súa adxudicación a través dos cauces legais establecidos.
García Porto, quen recibiu hoxe á concelleira de Xustiza Social e Coidado, Silvia Cameán, e ao concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicoulle aos representantes do concello que as vivendas ocupadas ilegalmente estaban adxudicadas en réxime de alugueiro na súa gran maioría e que foron abandonadas polos adxudicatarios sen comunicalo á Xunta para que recuperase a vivenda e a volvese a adxudicar a través do Rexistro de Demandantes.
Por outra parte, o director do IGVS explicou detalladamente as diversas liñas de axuda de que dispón a Xunta de Galicia en materia de vivenda a través dos programas recollidos no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda. García Porto fixo especial mención ás axudas destinadas aos afectados por execucións hipotecarias e polo impago do alugueiro a través dos programas especificamente creados con tal fin, como o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias vixente dende decembro de 2012 ou o Bono de Aluguer Social, que entrou en vigor a finais de agosto pasado.Segundo indicou o director xeral, estes programas teñen como obxectivo ofrecer unha solución a todos os afectados que o soliciten e cumpran os requisitos establecidos.
Respecto doutros temas plantexados polos concelleiros coruñeses, o director xeral do IGVS demandoulles a presentación de proxectos concretos para o seu estudo detallado.











