publicidade hoxe

A Xunta salienta o polígono de San Cibrao como o quilómetro cero do emprendemento galego no seu 50º aniversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe ao polígono industrial ourensano de San Cibrao das Viñas no seu 50º aniversario como o “quilómetro cero do emprendemento galego” e puntal industrial e tecnolóxico do noroeste español. Conde participou nos actos de celebración do medio século que cumpre este ano o polígono, que arrancou en 1975 coa instalación de tres compañías, Barreiros Ourense (hoxe CIE Galfor), Orember (actual Finsa) e Muebles Calvo, e hoxe suma 320 empresas que empregan a 8.000 traballadores.

“Unha viaxe de 50 anos”, sinalou o conselleiro, no que ten sido acompañado pola Xunta, que ten posto o foco do seu investimento tanto nas infraestruturas do polígono e de Tecnópole, como en apoio das compañías que a compoñen. Así, o conselleiro adiantou que a Xunta está a dar o impulso definitivo á autovía que conectará o polígono de San Cibrao coa Autovía das Rías Baixas. Unha conexión fundamental, na que o Goberno galego investirá máis de 28 millóns de euros grazas aos fondos europeos que a Xunta xa conseguiu asegurar. “Estamos ultimando o proxecto de trazado que neste mes de outubro someteremos a información pública, para escoitar e dar a oportunidade a todos a participar, mantendo o obxectivo de licitar o proxecto construtivo neste mesmo ano”, explicou.

“Un compromiso permanente”, dixo, “coa convicción de que apoiar a mellora das infraestruturas e as conexións do polígono, supón incrementar a competitividade das empresas que forman parte del”. Neste senso, Conde lembrou o Goberno galego está a impulsar ademais as melloras nos viais e nos sistemas de vixilancia do parque.

“O polígono industrial máis senlleiro de toda Galicia se ten consolidado como un nodo de emprego e innovación que lidera a economía de Ourense”, dixo Conde, unha posición que fai de San Cibrao o centro gravitatorio ao redor do que orbitan os polígonos de Aguiar, Barreiros e Seixalvo, e dando cabida a un dos grandes referentes da innovación galega, o Parque Tecnolóxico de Galicia, que engloba a 87 firmas dos sectores máis punteiros, e a líderes da incubación e a innovación tecnolóxica como o Centro Tecnolóxico de Incubación de Coren, o Centro Tecnolóxico da Carne, a aceleradora Agrobiotech, ou o CIS Madeira.

Conde destacou a vontade das compañías do parque, e da asociación de empresarios do polígono, de “unir ideas con industria” para exportar produtos e servizos do máis alto nivel a mercados de todo o mundo. “Esa é a grandeza de San Cibrao, a suma de centenares de empresas abertas ao mundo e vertebradoras do territorio no que naceron, que resumen o mellor de Ourense e o mellor de Galicia: a nosa capacidade para, cando parece que é un esforzo imposible, dar un paso máis e sorprender ao mundo cun corazón, un talento e unhas ideas de vangarda”, rematou o conselleiro.

28 de setembro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.