A Xunta reitéralles aos mariscadores do Burgo a súa determinación a impulsar a rexeneración da ría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta reitéralles aos mariscadores do Burgo a súa determinación a impulsar a rexeneración da ría coas máximas garantías ambientais a través do acordo de todas as administracións e profesionais. As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, convocaron hoxe unha xuntanza cos representantes da Confraría de Pescadores da Coruña para abordar a situación da ría.

Na xuntanza, as responsables autonómicas deron conta aos profesionais dos contactos mantidos ata agora Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co obxectivo de promover que os avances no proxecto de dragado da ría do Burgo se realicen coa participación de todas as partes implicadas, Sobre esta iniciativa, engadiron que actualmente están en elaboración tanto o proxecto construtivo como o documento ambiental do dragado, co fin de estar en condicións de licitar as obras no vindeiro ano e que estas se realicen con todas as garantías ambientais.

As conselleiras manifestaron que para o Goberno galego o saneamento e rexeneración da ría do Burgo representa unha prioridade estratéxica, polo que a Xunta, que leva anos traballando neste obxectivo, investiu máis de 100 millóns de euros en actuacións que xa incidiron directamente na mellora do estado da ría.

Ademais, as conselleiras destacaron a necesidade de que os concellos da ría, competentes en materia de saneamento e depuración, se impliquen e traballen de xeito coordinado coas demais administracións para lograr o obxectivo común de rexenerar a ría do Burgo. A ese respecto, avogaron por que as administracións locais actúen para eliminar os puntos de vertido que persisten e evitar que cheguen residuos urbanos á ría.

A responsable de Medio Ambiente explicou que dende o seu departamento queren seguir avanzando nesa liña de traballo, licitando o antes posible dúas actuacións para as que os fondos europeos están garantidos: o bombeo do Temple, en Cambre; e o tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros.

Actividade marisqueira

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, lembrou que todas estas actuacións permitiron que toda a Ría do Burgo estea clasificada microbioloxicamente como zona B. Deste xeito, no ano 2010 os mariscadores puideron retomar a súa actividade profesional, recuperando o seu nivel de ingresos, ao poder extraer e comercializar o marisco en fresco cumprindo con todos os parámetros de calidade e seguridade que establece a UE.

Rosa Quintana explicou que o episodio de toxina lipofílica que afecta desde o pasado martes á ría coruñesa é un fenómeno totalmente natural e que as toxinas non teñen afectación sobre os moluscos bivalvos –o produto non se perde-, pero poden ter efectos sobre a saúde do consumidor, polo que se fai preciso prohibir a extracción dos produtos procedentes das zonas afectadas por este fenómeno que pode afectar a todo o litoral galego.

29 de setembro de 2015 | 20:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.