A Xunta perfilará co sector as condicións de apertura do libre marisqueo na ría de Arousa

Rosa Quintana na reunión cos patróns maiores. Foto: C. Paz
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, reuniuse este mediodía cos patróns maiores das confrarías da ría Arousa. Na reunión a titular de Medio Rural e Mar explicoulles as accións levadas a cabo ou en marcha pola Consellería para a recuperación dos bancos de libre marisqueo dos Lombos do Ulla, Cabío e Bohído.
Ademais emprazou para mañá aos patróns maiores a unha nova xuntanza na que se avaliarán os resultados do informe que están a elaborar os técnicos sobre o estado do recurso. En función destes resultados deseñarase o plan de apertura da campaña de libre marisqueo e as medidas adicionais que se poidan adoptar nos bancos. Esta xuntanza vénse realizando de xeito habitual nos últimos anos antes da campaña co obxectivo de fixar as medidas para a súa xestión.
En relación ás actuacións desenvolvidas nos bancos marisqueiros, a conselleira deu conta do estudo levado a cabo dende a Consellería para facer fronte á escaseza de berberecho (fundamentalmente) nos bancos dos Lombos do Ulla, Cabío e Bohído. Ademais explicou que para facilitar o recrutamento de moluscos se procedeu á remoción do sedimento nunha parte do Bohído, que actualmente non é produtiva. Outras das actuacións realizadas foron a limpeza de restos de algas nos fondos dunha parte do banco de Cabío e a retirada de máis de 3 toneladas de cornechos na enseada do Grove para o control dos depredadores. Esta última actuación realizouse durante o pasado mes de xullo.
En canto ao dragado nos Lombos do Ulla, Rosa Quintana, explicou aos patróns maiores que se desbotou esta idea, porque os informes técnicos realizados o desaconsellan e reflicten que non resolvería a situación actual das poboacións de ameixas e prexudicaría o recrutamento deste ano, retrasando a recuperación da produción do banco.
Segundo explicou a conselleira, queda por abordar o traslado do reló de talla superior a 35 mm. por fóra dos bordes dos bancos marisqueiros nos que abunda esta especie. O obxectivo desta acción é facilitar a renovación das poboacións e a explotación comercial desta especie.











