A Xunta destaca que con Termatalia México seguirase avanzando cara incrementar as exportacións galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe que México está consolidado como un aliado clave para o tecido empresarial galego, como demostra o feito de que as exportacións galegas a ese país medraran nun 40% durante os tres últimos anos.

Durante a súa participación na presentación de Termatalia México 2016, que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e de diferentes autoridades mexicanas encabezadas polo subsecretario de Turismo de Coahuila, Aguilera salientou que arredor de 430 empresas galegas exportaron durante o pasado ano a México, un mercado prioritario para Galicia.

A Xunta está a desenvolver a Estratexia de Internacionalización da empresa galega 2020, con obxectivos como incrementar nun 25% tanto as exportacións, como o número de empresas exportadoras ou a captación de investimentos estranxeiros. No desenvolvemento desta estratexia, México ocupa un lugar prioritario, tanto polo seu propio potencial como pola súa situación estratéxica como plataforma cara a mercados como Estados Unidos ou Centroamérica.

Termatalia, que cumpre este ano o seu décimo aniversario como feira internacional, constitúe xa unha cita de referencia mundial para o turismo de saúde en xeral e o termalismo en particular, salientou Aguilera, do mesmo xeito que Expourense e tamén un referente dos recintos feirais galegos, como instrumento potenciador dos sectores económicos estratéxicos para a provincia.

O director do Igape amosouse convencido de que a celebración de Termatalia en México permitirá, o ano próximo, seguir avanzando na aposta pola dinamización económica e pola internacionalización das empresas, tanto de Ourense como de Galicia, abrindo novas oportunidades de negocio e alianza a ambos lados do Atlántico.

Comercialización de Artesanía de Galicia

A Consellería de Economía e Industria está tamén presente en Termatalia a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que conta neste encontro cun stand con pezas téxtiles e complementos de moda de tres obradoiros artesáns pertencentes á Asociación de Artesáns de Ourense: Logaro, Alpacas As Bolboretas e A. Outeiriño, que teñen á venda os seus produtos e amosan ao público diferentes técnicas e demostracións do seu traballo.

Esta iniciativa enmárcase na aposta pola comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, unha das liñas estratéxicas do Plan de Artesanía de Galicia.

25 de setembro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.