A Xunta destaca a necesidade de que o Concello de Ferrol complete a posta en marcha da depuradora
A Xunta de Galicia salientou hoxe a necesidade de que o Concello de Ferrol exerza as súas competencias e complete o proceso de posta en marcha da depuradora de Cabo Prioriño para poder garantir o saneamento da ría. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, compareceu hoxe en Comisión Parlamentaria, onde destacou que as obras de saneamento e depuración executadas polo Estado, co apoio económico da Xunta, na ría de Ferrol teñen evitado xa que 2,2 millóns de metros cúbicos de augas fecais se vertesen no interior da ría sen depurar.
Gonzalo Mosqueira expresou a preocupación do Goberno galego ante a posibilidade de que non se complete a posa en marcha de todo o sistema de saneamento de Ferrol e as augas fecais sigan verténdose á ría.
Nese sentido, lembrou que na actualidade tan só se está tratando unha pequena parte das augas fecais de Ferrol na EDAR de Cabo Prioriño, que se verten fóra da ría. Por iso instou á Administración local a cumprir o cronograma previsto e apurar o arranque dos equipos inactivos para garantir a plena depuración de todo o volume de augas que chegará á Edar cando, a finais de ano, rematen as obras dos colectores, actualmente en execución.
Mosqueira destacou que o Estado, a Xunta de Galicia e o propio concello están, ata o de agora e desde hai anos, colaborando na reversión desta situación, cada un coas súas responsabilidades. “Existe unha nova depuradora que hai que poñer en marcha e estanse rematando actuacións que permitirán que as augas fecais que actualmente se verten no interior da ría se traten nesa nova depuradora”, asegurou.
O director de Augas de Galicia lembrou que as obras de construción do novo sistema de saneamento de Ferrol foron executadas e recibidas pola Confederación Hidrográfica coa colaboración económica da Xunta, sen que esta participase nin na dirección das obras nin na recepción das mesmas. E engadiu que conforme as competencias municipais e os convenios asinados, correspóndelle ao Concello a posta en marcha, explotación e mantemento do novo sistema de saneamento.
“A responsabilidade da posta en marcha desta nova depuradora é do Concello de Ferrol e desde a Xunta confíase en que nas próximas semanas, segundo o previsto, se remate este proceso de posta en marcha, e que o sistema de saneamento de Ferrol funcione correctamente para que a ría estea saneada e a calidade das súas augas sexa correcta”, subliñou Gonzalo Mosqueira.
O director de Augas de Galicia lembrou que na actualidade os traballos de posta en marcha, explotación, mantemento e conservación do novo sistema de saneamento de Ferrol, que inclúe a EDAR de Cabo Prioriño, son desenvolvidos pola empresa municipal do concello de Ferrol, Emafesa. Polo tanto, salientou que é o Concello de Ferrol o que ten que inspeccionar e controlar o que está facendo a súa empresa municipal para prestar o servizo da EDAR de Cabo Prioriño e de todo o sistema de saneamento.
Gonzalo Mosqueira recomendou que o Concello de Ferrol, se non o ten feito xa, organice e dote economicamente un equipo de traballo para levar a cabo este control e esta inspección, porque os sistemas de saneamento teñen instalacións moi complexas que esixen un traballo constante, non só na explotación dos equipos, no seu mantemento e conservación, senón tamén na súa supervisión.
Como referencia, Mosqueira detallou que en Augas de Galicia, para inspeccionar e controlar as depuradoras que xestiona o ente autonómico ten todo un departamento de xente dedicado exclusivamente a estas tarefas e inviste aproximadamente 1 millón de euros cada ano nestes traballos.











