A Xunta de Goberno Local de Ourense aproba a adxudicación do proxecto de urbanización na conexión entre Francisco Lloréns e a rúa Velázquez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá a adxudicación, se procede, mediante procedemento negociado sen publicidade, do proxecto de urbanización da conexión de Francisco Lloréns coa rúa Velázquez. Así, a contratación deste proxecto é para a oferta presentada por Obras y Saneamientos Galicia S.L., por importe de 180.023,80 euros (148.780 euros máis 31.243,80 euros en concepto de IVE), por tratarse da oferta económica máis vantaxosa, conforme aos criterios do prego de condicións e ao procedemento de negociación. Tamén segundo o prego, as obras deberán quedar totalente rematadas no prazo de tres meses.

Na mesma sesión, ordeouse tamén, se procede, a publicación no Diario Oficial da Unión Europea dos datos relativos á licitación do transporte urbano colectivo de viaxeiros por estrada, publicación esixida pola normativa europea (artigo 7.2 do Regulamento Comunitario Europeo 1370/2007 de 23 de outubro).

O tipo de adxudicación considerado é un procedemento aberto suxeito á regulación harmonizada dun contrato de xestión de servizos públicos para a prestación, en réxime de concesión, do servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros por estrada. Os servizos e territorios potencialmente afectados pola adxudicación son o servizo e o transporte colectivo de viaxeiros dentro do territorio do termo municipal de Ourense. A publicación no DOUE un ano antes de iniciar o procedemento de licitación é un requisito que debe adoptar a autoridade competente, neste caso o Concello.

No eido cultural, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases reguladoras e da convocatoria 2015 para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido cultural no Concello de Ourense. Estas subvencións supoñen un importe de 60.000 euros.

Apoio a emprendedores

En materia de emprego, a XGL aprobou tamén a proposta de apoio para a firma dun convenio de colaboración entre a Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (Dirección Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa) e o Concello de Ourense para o establecemento de puntos de atención ao emprendedor (PAE) integrados na rede CIRCE.

Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) encárganse de facilitar a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de información, tramitación de documentación, asesoramiento, formación e apoio ao financiamento empresarial. De feito, con este novo servizo, que se prestará no Centro de Iniciativas Empresariais, os trámites para constituir unha nova empresa terán un prazo de 24 horas, co fin de axilizar deste xeito a creación de emprego.

Estes centros deben asinar un convenio co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para poder actuar como tales.

Os PAE apóianse no CIRCE (Centro de Información y Red de Creación de Empresas) para crear empresas, e en concreto nun dos compoñentes que o forman: o Sistema de Tramitación Telemática (STT). Neste sentido, cando un emprendedor opta por iniciar os trámites de creación dunha empresa desde un PAE, implícitamente está utilizando o sistema CIRCE.
O PAE ten unha dobre misión:

1.Prestar servizos de información e asesoramiento aos emprendedores na definición das súas iniciativas empresariais e durante os primeiros anos de actividade da empresa.

2. Iniciar o trámite administrativo de constitución da empresa a través do Documento Único Electrónico (DUE).

Na orde do día da XGL tamén se contemplou a aprobación dos días festivos locais para o ano 2016, que serán o 9 de febreiro (martes de Entroido) e 11 de novembro (festividade de San Martiño), así como o nomeamento de Ana Morenza como representante municipal no Consello Territorial de Propiedade Inmobiliaria.

3 de setembro de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.