A Xunta convoca axudas para dotar de iluminación ás vivendas da illa de Ons que carecen deste servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal Portada
A-
A+

A Xunta convocará nas vindeiras semanas axudas para dotar de iluminación a través de paneis solares a aquelas vivendas da illa de Ons que carecen deste servizo. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Bueu, Félix Juncal, para abordar diferentes cuestións de interese municipal.

Na illa existe un reducido número de veciños que non dispoñen nin de luz nin auga por mor de que estes inmobles atópanse lonxe do núcleo do arquipélago. A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa facilitou o servizo de auga potable e na actualidade está a traballar para a disposición de luz. 

Por outra parte, Ethel Vázquez trasladoulle ao alcalde a máxima colaboración da Xunta, tanto técnica como financeira, para a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), sobre o que actualmente está en elaboración a memoria ambiental. 

No que se refire á colaboración técnica, o municipio pontevedrés contará co asesoramento da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para lograr a aprobación dun planeamento que servirá como folla de ruta para o desenvolvemento económico e social deste concello. 

En relación á colaboración financeira, a Xunta realiza unha achega de máis de 100.000 euros en concepto de axuda para a redacción do documento.

4 de setembro de 2015 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.