A Xunta concede axudas a 18 concellos lugueses para a promoción das Festas de Interese Turístico
A Xunta de Galicia contribúe con preto de 60.000 euros á promoción e difusión das Festas de Interese Turístico que se celebran en 18 concellos da provincia. A delegada territorial, Raquel Arias, explicou hoxe que Turismo de Galicia concede estas axudas a todos os concellos que celebran eventos declarados de interese turístico de Galicia
Deste xeito, afirmou, ponse de manifesto o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer na promoción turística da provincia, xa que “a concesión destas axudas ás Festas de Interese Turístico impulsa a economía local dos concellos e contribúe ao recoñecemento das mesmas en Galicia e tamén fóra da Comunidade”.
Arias considerou que “a gastronomía, a cultura, a historia e a tradición de Lugo están a obter cada ano unha maior difusión grazas a estas festas que representan en si mesmas un importante instrumento de promoción que a Xunta vén de incentivar un ano máis”.
Do total de concellos beneficiados, 16 lograron o importe máximo da subvención, 3.500 euros, importe que se destina a sufragar os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión destes eventos.
As Festas de Interese Turístico recoñecidas coas subvencións foron o XXXIV Festival Folclórico Internacional do Emigrante (Barreiros), as Feiras e Festas de San Lucas (Mondoñedo), a Mostra do Aceite (Quiroga), o Folión dos Carros (Chantada), a Exaltación e Promoción do Ourizo (Cervo), a Festa da Castaña (Folgoso do Courel), a Feira de Santos (Monterroso), a Feira do Viño de Amandi (Sober), a Festa da Malla (Meira), a Festa da Faba (Lourenzá), a Festa de San Lourenzo 2015 (Foz), O Nadal do Belén Electrónico (Begonte), o Arde Lucus 2015 (Lugo), a Festa do Naseiro (Viveiro), a Xira de Santa Cruz (Ribadeo), a XXXI Feira do Bonito (Burela), a Queima das Fachas 2015 (Taboada) e a Festa da Filloa (Cospeito).
A Xunta considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso que se debe potenciar, xa que representan un reclamo de atracción turística. Son, por outra banda, accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.











