A Xunta colaborará co Concello de Vilagarcía para reactivar a tramitación do seu PXOM
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, trasladoulle esta mañá ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, a colaboración do seu departamento para que este concello reactive a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, o manifestou durante unha reunión que a representante da Consellería de Medio Ambiente mantivo co rexedor municipal, a que tamén asistiron a concelleira de urbanismo, Paola María Mochales, e representantes da asociación de comerciantes e hostaleiros da cidade.
Na actualidade, o municipio ten contratado, desde xuño de 2007, a redacción dun novo PXOM que aínda non foi remitido á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a emisión do Informe Previo a Aprobación Inicial.
No encontro, o alcalde expuxo á secretaria xeral a oposición do seu goberno á instalación dun establecemento comercial nos terreos de Metalgráfica Galega, sito en solo urbano consolidado e cuxa ordenación foi obxecto dun Estudo de detalle aprobado definitivamente polo pleno municipal en 2014.
Neste senso, a secretaria xeral recordoulle ao alcalde que a aprobación definitiva de ditos documentos é competencia exclusivamente municipal, a posteriori, segundo indica a Lei do Solo, estes son remitidos á Secretaría Xeral para comprobar que a tramitación é correcta , é dicir, se conta con todos os informes sectoriais ou outros aspectos técnicos. Así mesmo, desde a Xunta explicóuselle ao rexedor arousán que, en maio de 2014, a Secretaría Xeral non puxo ningún reparo.
Encarnación Rivas ratificou ao alcalde que o PXOM é o documento que debe recoller o modelo de ordenación que planificará o desenvolvemento de Vilagarcía de Arousa, polo que lle ofreceu todo ao apoio técnico para que, tanto os técnicos municipais como o equipo redactor, sexan recibidos co fin de valorar a proposta que debe presentar o Goberno Municipal.
Axudas
Rivas trasladoulle ao alcalde de Vilagarcía que o apoio da Xunta tamén se completa coa achega concedida para a redacción do PXOM de preto de 310.000 euros.











