A Xunta colabora na instalación de sistemas de seguridade e vixilancia no polígono de Tremoedo en Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Polígono de Tremoedo

Cores Tourís na visita ao Polígono de Tremoedo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono de Tremoedo para anunciarlle ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a axuda concedia pola Xunta para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia neste área empresarial.

Nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Tal e como destacou Cores Tourís, o concello de Vilanova de Arousa acolleuse este ano a orde de axudas da Consellería de Economía e Industria que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

“Grazas a colaboración da Xunta poderemos poñer en marcha este proxecto que suporá a instalación dunhas 20 cámaras de seguridade no polígono o que permitirá mellorar a vixilancia no mesmo e dar unha solución a unha antiga demanda dos empresarios deste área”, explicou Durán, quen asegurou que o aportado pola Xunta para este proxecto suporá case o 80% do total, 116.160 euros dos 145.200 euros que costa a instalación.

Segundo o rexedor, intentarán acollerse a futuras axudas da administración autonómica para poñer en marcha unha medida similar no polígono de Baión.

“A orde á que se acolleu este concello permite axudar aos municipios á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos”, explicou o delegado territorial, quen destacou que grazas a esta colaboración da administración autonómica, “estanse a impulsar actuacións en eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, os viais ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia”.

O delegado territorial trasladoulle ao alcalde da localidade que o obxectivo da Xunta é seguir a colaborar coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial. “De feito, as axudas para a mellora de polígonos empresariais na nosa provincia foi de 721.000 euros, beneficiándose un total de 12 áreas situadas en outros tantos concellos”, engadiu.

Así mesmo, e para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitirase o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.

2 de setembro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.