publicidade hoxe

A Xunta cofinanciará cursos de inmersión en inglés para 250 profesionais das exportacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballedoLocal PortadaLugoPantón
A-
A+
Presentación dos cursos de inmersión

Presentación dos cursos de inmersión

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta cofinanciará cursos de inmersión en inglés para 250 profesionais das exportacións, co obxectivo de reforzar a presenza galega nos mercados globais. A iniciativa, enmarcada na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, se levará a cabo no Centro de Inmersión Lingüística do poboado de Gas Natural Fenosa nos Peares, onde o conselleiro presentou o proxecto e que sinalou como símbolo do compromiso da eléctrica “co medio rural e coa formación en Galicia”.

Conde sinalou que a Xunta investirá un mínimo de 120.000 euros ata 2016 na iniciativa, que beneficiará a directivos, mandos intermedios e técnicos con experiencia en exportacións de empresas galegas, que participarán en cursos intensivos dun fin de semana, ou de duración media (de cinco fins de semana) a partir de outubro. A Xunta cofinanciará o 50% do custo do curso para os traballadores en activo, e o 100% do custo do curso para profesionais en situación de desemprego, para os que se reservan o 10% das prazas.

Neste senso, subliñou que o Executivo galego busca facilitar ás empresas galegas o acceso a novos mercados a través do mellor talento, garantindo unha formación de primeira liña con profesores nativos e uns contidos adaptados ao que necesita Galicia. Desta maneira, os cursos se centrarán en primeiro lugar nun inglés específico internacional, que abarca desde contratos á lei de competencia e propiedade intelectual; e en segundo, nun inglés específico por sectores, que inclúe eidos como as TIC, a enerxía, a loxística, o agroalimentario, a automoción, o téxtil, a pesca ou o naval, “dando resposta ás necesidades dos nosos empresarios”.

“Unha aposta polo talento galego” para que, cunha formación sólida, se contribúa a facer de Galicia unha economía plenamente aberta e internacionalizada, un camiño, que destacou o conselleiro, Galicia xa está a andar, consolidando a expansión internacional das empresas galegas como un dos motores da recuperación económica. Conde lembrou que 2015 está a ser un dos mellores anos da historia exportadora de Galicia, medrando no acumulado xaneiro-xullo un 2% máis que en 2013, o ano do récord histórico das exportacións galegas. Esta boa traxectoria susténtase nos bos rexistros de varios sectores estratéxicos da nosa economía e no esforzo das máis de 6.200 empresas exportadoras que están a saír ao exterior, un traballo que o Goberno galego está a acompañar cun apoio integral que abrangue desde a primeira idea ata a axuda sobre o terreo noutros países.

De aí que o Goberno galego puxese en marcha a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 na que se enmarca esta iniciativa de inmersión lingüística. En total, a estratexia, englobada na Axenda da Competitividade Industrial de Galicia-Industria 4.0, suma 50 millóns de euros nos próximos 2 anos e pretende que o peso das exportacións no PIB galego acade o 40% no ano 2020, así como incrementar nun 25% as exportacións, o investimento estranxeiro en Galicia, e o número de empresas exportadoras, nese mesmo prazo.

Unha estratexia que xa está en marcha e na que este mesmo ano o Goberno galego ten activado medidas como a nova edición do plan Primex, cun millón para apoiar a primeira implantación das pemes noutros mercados; os obradoiros dedicados ao International Expertise Market; o apoio aos 18 organismos intermedios, como os clústers; os 60 novos xestores de internacionalización que a Xunta axudará a contratar en 2016; ou os 12 plans sectoriais cos que Galicia adaptará os seus esforzos ás necesidades específicas de cada sector estratéxico.

29 de setembro de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.