A vicepresidenta da Deputación da Coruña avoga por reverter a situación provocada polos recortes na Universidade
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, asistiu ás 33 Xornadas de Xerencia Universitaria organizadas pola Universidade da Coruña en que mostrou o seu compromiso co ensino público e convidou a influír para “reverter a situación” provocada polos recortes.
Na súa intervención no encontro das xerencias das universidades de todo o Estado, en que a Deputación da Coruña colabora na organización, Goretti Sanmartín defendeu a “obriga institucional” de apoiar as universidades e a sociedade de que forman parte. “Unha sociedade só pode denominarse avanzada cando aposta pola educación, mesmo en tempos de crise aínda máis, fundamentalmente en tempos de crise”, sinalou na súa intervención en que se comprometeu a que o apoio ao ensino universitario se substancie de forma concreta en temas de infraestrutura, de investigación ou de extensión universitaria.
Lembrou Goretti Sanmartín que unha das primeiras accións do novo goberno da Deputación foi poñer a andar o proxecto de creación da residencia pública universitaria, unha eiva que facía que a Universidade da Coruña fose practicamente a única de todo o Estado español que carecía desta infraestrutura.
“Os recortes golpearon brutalmente os campus e provocaron un inaceptable parón nos avances da ciencia e da investigación”, sinalou Goretti Sanmartín, profesora tamén da Universidade da Coruña e con experiencia na xestión, que defendeu tamén a necesidade de avanzar con reflexións derivadas de xornadas como estas desde as propias universidades para inverter a situación e priorizar o ámbito do ensino público.
As Xornadas de Xerentes das Universidades Españolas reúnen na Coruña na súa trixésima terceira reunión anual a xerentes e persoal das xerencias de cincuenta universidades do Estado español. No acto de inauguración participaron, ademais de Goretti Sanmartín, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, o Conselleiro Maior de Contas, José Antonio Redondo, o xerente da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e secretario técnico da comisión de Xerentes da CRUE, Conrado Domínguez e o xerente da UDC, Juan Díaz Villoslada.











