A vendima na D.O. Rías Baixas xeneralízase con preto de 11 millóns de quilos recolleitos
Tras o paso da borrasca e o parón destes días, as adegas de Rías Baixas retoman as actividades de vendima, agora si, de forma xeneralizada. Das 170 adegas que está previsto que elaboren veu este ano xa se atopan activas 137 a día de hoxe. Segundo as estimacións que manexa o departamento técnico deste Consello Regulador, prevese un incremento de entre un 35 e 40% sobre a do 2014.Dita estimación, realizada a principios de agosto, é froito da colaboración dos técnicos das adegas implicadas na presente campaña.
Na D.O. Rías Baixas a recolección da uva por parte dos viticultores realízase de maneira gradual “a medida que a uva vai adquirindo o grao de maduración idóneo para a súa recollida”, explica Agustín Lago, director técnico do Órgano de Control e Certificación en Rías Baixas, quen lembra que unha das singularidades desta vendima é a ausencia de mecanización“para o maior coidado na conservación das uvas, a recollida do froito faise integramente a man tendo que procesarse nun prazo inferior a 24 horas. Ademais, o Regulamento obriga a que o seu transporte se realice en caixas normalizadas cunha capacidade de 20 kg”.
Até o momento, na D.O. Rías Baixas xa se recolleron un total de 10.700.000de quilos de uva. As variedades brancas treixadura e loureira, así como as uvas para elaborar o viño base para os espumosos de Rías Baixas, foron as máis madrugadoras. “Á vista das condicións en que a uva está a entrar nas adegas podemos mostramos optimistas co resultado desta campaña”, afirma Agustín Lago, para quen “o estado sanitario da uva é óptimo”. As perfectas condicións sanitarias son consecuencia dun inverno e primavera secos, que influíron moi positivamente no ciclo vexetativo da planta, minimizando a incidencia das enfermidades típicas propias desta zona. O Consello Regulador conta co apoio de 27 auditores que se responsabilizan do seguimento da vendima nas adegas, os viñedos e os transportes.
Normas de vendima
Como todos os anos e tal como contémplase no Sistema de Xestión de Rías Baixas, o pasado mes de xullo o Pleno do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas aprobou as Normas de Vendima para adegas, viticultores e veedores que rexen a presente campaña. O obxectivo destas normas é apostar pola máxima calidade e a garantía de orixe da materia prima. A normativa lembra a produtores e elaboradores a obrigación de dispor dun sistema de trazabilidade e autocontrol que permita acreditar a procedencia da uva, os rendementos de produción e as variedades empregadas, así como os rendementos de extracción de mosto e a análise dos parámetros químicos. Cada viticultor dispón, para a súa identificación, dun cartón persoal e intrasferible.











