A tractorada de Lugo suma 1.500 vehículos e permanecerá alí até o xoves
A ‘tractorada’ dos gandeiros de Lugo que se desvincularon das directrices das organizacións agrarias segue crecendo e xa son ao redor de 1.500 os tractores que rodean a Rolda da Muralla e que permanecen estacionados noutras vías como a Avenida Infanta Elena. Os portavoces deste movemento móstranse “moi contentos” pola chegada continua de tractores, mesmo desde municipios da Coruña, e polo apoio dos lucenses.
Así mesmo, continúan coa recollida de firmas para presentar un escrito no rexistro da Xunta de Galicia en Lugo dirixido á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, coas súas peticións.
Aínda que a entrega de rúbricas estaba prevista para este martes, debido ao éxito da recollida, con máis de 10.000 até o momento, os responsables aumentaron o prazo até este mércores. As mesas de recollida de apoios están situadas ante o edificio multiusos da Xunta.
Na xornada deste martes houbo circulación de vehículos polo único carril libre da Rolda e algún condutor estacionou o seu coche para asinar e volver irse.
Os gandeiros xa lograron que a súa presenza na cidade estea “legalizada”, despois de que a Subdelegación do Goberno lles concedeu un permiso até o xoves ás 18,00 horas. Ese día celebrarase en Madrid unha reunión entre a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, produtores, industria e distribución.
Así as cousas, a ‘tractorada’ permanecerá en Lugo e non se desprazará como colectivo á manifestación de Santiago de Compostela do xoves, porque “os de Santiago farán forza alí e nós aquí”.
Con respecto aos sindicatos, estes gandeiros reafírmanse na súa postura e móstranse orgullosos en tanto que conseguiron “botalos fóra”.
“DE POUCO SERVE”
“Tiñan unha organización feita eles alí e tamén os botaron fóra, se nos podemos apoiar nós ímolo a facer, porque a eles non os necesitamos para nada”, afirmou este martes un gandeiro.
Unha gandeira que estaba na mesa de recollida de firmas valorou tamén, en relación á reunión deste luns na Comisión Europea, que de momento se segue igual”, posto que “de pouco serve un caramelo”. “Con iso non arranxamos nada, chupamos un pouco, pero esa non é a solución”, aseverou sobre o paquete valorado en 500 millóns que propuxo Bruxelas para os estados membro afectados pola crise de prezos no lácteo.
FRUGA
Por parte da Federación Rural Galega (Fruga), o coordinador provincial, Elías Somoza, expresou o seu “apoio” e “respecto” aos gandeiros ‘rebeldes’ de Lugo, ao considerar que todas as mobilizacións, impulsadas ou non por sindicatos, teñen o mesmo obxectivo: “a ansiada subida do prezo do leite”.
Ao seu xuízo, a reunión que se celebrará o xoves en Madrid debe servir para alcanzar “un acordo similar ao de Francia”, que permita “unha subida para todos os axentes da cadea alimentaria”. Por iso, “ten que haber vontade do ministerio e compromiso da distribución e a industria”, segundo resaltou.











