A Sociedade Ximnástica porá o seu músculo a pleno rendemento o 14 de setembro
Xa queda menos para que a maioría de atletas pontevedreses poñan final ás súas vacacións, aínda que algún deles continúan participando nas numerosas carreiras populares que hai nestas datas pola xeografía galega, a maioría daranse cita o próximo día 14, para iniciar os adestramentos de cara a preparar a tempada de pista cuberta e de campo a través.
En primeira liña estará o equipo feminino Cadete, as atletas tivéronse que marchar de vacacións con algúns deberes por facer, para así chegar nas mellores condicións ao 10 de outubro, cando participarán na Final B do seu primeiro Campionato de España de Clubs.
Tamén o luns día 14 se abrirá o prazo de inscrición das Escolas Municipais de Atletismo que se realizará, do mesmo xeito que en anos anteriores, no Pavillón Municipal de Deportes desde as 9 da mañá. Cunha cota anual de 50 euros, os adestramentos das Escolas comezarán o 2 de outubro.
Para os primeiros días da pretemporada, os atletas pontevedreses non poderán contar con utilizar a pista de atletismo do CGTD, algo xa previsto por atoparse actualmente en obras e que se espera poder volver usar ao longo do mes de outubro.
O reto é importante xa que o curso que termina a Sociedade Ximnástica superou o record de atletas nas súas filas, con 401 deportistas e con visos de seguir crecendo para 2016.
Ademais a Xunta Directiva da entidade pontevedresa, coa colaboración do IMD do Concello de Pontevedra, está a terminar de perfilar o circuíto para o XX Medio Maraton de Pontevedra, que se celebrará o 18 de outubro, e que presentará pequenos cambios con respecto ao ano pasado, coa intención de superar os 1.443 corredores da última edición.











