A Secretaría Xeral para o Deporte convoca unha reunión para avaliar a mellora da seguridade en rallys
A Secretaría Xeral para o Deporte convocou aos axentes deportivos do automóbil galego a unha reunión este venres para abordar “actuacións concretas que, desde distintos ámbitos, redunden na maior seguridade de espectadores e participantes” nos rallys. Así o confirmaron fontes da Secretaría Xeral, despois de que o seu máximo responsable, José Ramón Lete Lasa, cualificase este mércores de “imprescindible” que tamén desde o sector deportivo se abra “unha profunda reflexión” sobre as medidas para evitar accidentes como o do sábado en Carral, no que houbo sete falecidos.
Ademais, da “cooperación” de todos os implicados, o secretario xeral para o Deporte reclamou “altura de miras” en relación a este accidente pola “gravidade e importancia” do mesmo.
OBXECTIVO
Por outra banda, sobre a reunión convocada para o venres, a Secretaría Xeral para o Deporte asegura que o obxectivo é abordar actuacións que poidan ser postas en marcha “directamente” pola administración e axentes deportivos.
“O que se trasladarán ás institucións e axentes competentes pola materia que aborden”, engade en alusión ao ámbito da seguridade viaria ou a educación.











