A Sala Rivas Briones ábrese á particular obra do pontevedrés Kike Ortega
A programación cultural de Vilagarcía estrea hoxe unha nova e atractiva actividade. Trátase da mostra que o artista pontevedrés Kike Ortega colga a partir desta noite na sala Antón Rivas Briones. Ata o 16 de outubro este artista atípico amosa parte da súa obra, composta maioritariamente por pinturas de técnica mixta sobre soportes variados, e que tamén inclúe algunha peza escultórica.
Kike Ortega non é un artista ao uso. Criouse en medio dos pinceis e lenzos do obradoiro de arte da súa nai, Isabel Domínguez, tamén pintora, pero el estudou Arquitectura. Pese a ser arquitecto de carreira, é artista de vocación xa que, como el mesmo di “soy un pintor metido a arquitecto”.
O seu traballo é moi instintivo e as musas non teñen moito que ver no seu proceso creativo. Kike Ortega percibe estímulos de todo o que o rodea, dende as cousas máis normais e cotiás, ás máis extraordinarias, dende a serie que está a ver na televisión ata o obxecto co que tropeza na rúa. E eses estímulos inspírano para crear, a experimentar sobre todo cos materiais.
A súa obra non é nada convencional. Moitos dos seus traballos están realizadas con materiais reciclado o que, ademais de contribuír á conservación da natureza, permítelle explorar as posibilidades deses elementos no arte que se enriquece coa liberdade que lle aportan. E como pouso do arquitecto que hai nel, tamén usa materias propias desta disciplina á hora da creación artística. Formigón, metal, Madeira… todo é susceptible de formar parte dunha obra de arte de Ortega.
En canto ás temáticas, a que máis lle interesa e a que máis se repite é a do ser humano. O Corpo humano, física pero tamén interiormente, reparando no estado emocional das persoas que pinta.











