A saída da SC-20 na súa confluencia coa avenida de Lugo atópase pechada por mor da tractorada
Seguen as concentracións de tractores en defensa do sector lácteo na cidade, polo que seguen os cortes de tráfico en diversos puntos da cidade. Esta mañá, os gandeiros volveron pechar a saída da SC-20 na confluencia da mesma coa avenida de Lugo, polo que se recomenda evitar o uso dese vieiro a partir da glorieta da rúa Roma.
Tamén durante a mañá se cortou a avenida de Lugo en dirección á Xunta de Galicia, se ben quedou aberta en dirección Galuresa. No caso da rúa Mestre Mateo, esta quedou cortada en dirección entrada da cidade, polo que neste caso se recomenda usar San Lourenzo como alternativa. A avenida Romero Donallo presenta igualmente dificultades de circulación, porque se ben está aberta en superficie, bloqueouse o túnel.
Os cortes en Romero Donallo obrigan a desviar as liñas 5 e C2 do transporte urbano. A liña 5, en dirección á Rocha, desvíase dende Frei Rosendo Salvado por Rosalía de Castro, realizando as paradas da Rocha e Conxo á volta, en dirección centro da cidade. A liña C2 desvíase dende Santiago de Chile ata a zona de Santa Marta por Rosalía de Castro.
Tamén resultan afectadas temporalmente polas restricións en Romero Donallo as paradas na rúa República Arxentina e, en consecuencia, as liñas 5, 15 e C4. A liña 15 non accede á avenida de Barcelona, polo que dende o Campus sur desvíase por San Lourenzo cara o centro.
Nas liñas 6, 12, C6 e P3 quedou restablecido o acceso dende Restollal cara o centro por Amor Ruibal e rúa do Hórreo
O Departamento de Convivencia segue recomendando nesta xornada evitar o uso do vehículo para circular polas zonas afectadas polas concentracións de tractores e conseguintes cortes de tráfico. O uso de vías alternativas ou dos estacionamentos disuasorios son boas opción para evitar atascos e retrasos nesta nova xornada de mobilizacións.
Cómpre lembra que nesta xornada de martes, un grupo de gandeiros concentrouse nas rúas lindeiras coas áreas comerciais de Área Central e As Cancelas, co fin de impedir o acceso ás mesmas. Para o mércores está previsto que se sitúen tractores nas rúas lindeiras aos edificios administrativos de San Caetano.
O xoves 10, haberá unha manifestación a pé que sairá ás 12:00 horas da Alameda e seguirá por: Senra, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Roque, Basquiños e Pastoriza, ata os edificios administrativos de San Caetano.











