publicidade hoxe

A Romaría de Santa Minia en Brión pretende superar a cifra dos 50.000 romeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Brión está en festas. A Charanga Os Campantes (A Baña) foi a encargada de poñer a primeira da vintena de actividades culturais que terán lugar na contorna da Carballeira de Santa Minia durante esta fin de semana, na que o Concello de Brión agarda superar a histórica cifra dos 50.000 romeiros rexistrados hai seis anos.

O coordinador da festa, Alberto Álvarez, indica que todo semella propiciar que se superen eses 50.000 visitantes, pois “temos confirmación de numerosas excursións organizadas dende outros municipios, o tempo vai acompañar, temos máis peticións de postos de venda ca nunca e penso que conformamos un programa atractivo que reunirá a moitos visitantes”. Para recibilos, o Concello de Brión contará cun amplo dispositivo de seguridade, conformado por membros de Protección Civil e Policía Local, e habilitou sete zonas de aparcamento totalmente de balde para os visitantes. “Recomendámoslle aos romeiros que sigan as instrucións da Policía Local e de Protección Civil, pois os guiarán sempre ata a zona de aparcamento máis achegada á festa e que teña prazas libres”, apunta Alberto Álvarez.

Música e queima da fachada 

A música e os fogos de artificio serán, coma sempre, os protagonistas de mañá sábado 26 de setembro, día de Vésperas. A gran cita é ás 0:00 horas, coa queima da fachada da capela de Santa Minia e unha gran tirada de fogos de artificio que dará paso a unha verbena animada polas orquestras Capitol e D´Moda. 

A música será a gran protagonista da xornada, coas actuacións da charanga “Os Celtas” (10:00 h.) o grupo de música e danza tradicional “Alxibeira” de Narón (12:00 h.) e a sesión vermú coa orquestra “D´Moda”. Xa pola tarde, ás 17:00 horas terá lugar a actuación de Peter Punk con “A chungatrona”, espectáculo clown gañador do premio do público do Festiclown Rivas-VaciaMadrid 2013 no que a participación activa dos nenos e nenas é fundamental.

Ás 18:00 horas será a quenda dunha das actuacións máis exitosas do ano pasado: Odaiko Percussion Group con “Vaia Banda”, que contará coa colaboración da Banda de Música Municipal de Brión. Completarán a xornada a Charanga Mekánica (19:00 horas) e Trópico de Grelos (20:00 horas). 

25 de setembro de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.