A Real Filharmonía de Galicia presenta un programa de concertos polo XX aniveversario nos barrios de Compostela

Presentación dos concertos
A Real Filharmonía de Galicia presentou a programación do inicio da nova tempada de concertos, que coincide coa celebración dos seus XX aniversario, a través dun ciclo de actuacións nos barrios de Santiago de Compostela. A presentación do novo programa 2015-2016 celebrouse este luns de man do primeiro tenente alcalde da capital e responsable de Economía, María Rozas, a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.
Ao respecto do aniversario, Rozas sinalou que a iniciativa continúa coa “política cultural” do goberno local co fin de facilitar o “dereito universal” de acceso á música, a través de concertos en zonas representativas.
Pola súa banda, Hernández adiantou que, durante a terceira semana de setembro, se sucederán ás 20,00 horas os concertos de presentación da tempada da Filharmonía por diferentes rúas compostelanas, con alternativas cubertas por se chovese.
En concreto, abrirase a programación o martes 15 coa actuación na Praza de Europa de Fontiñas, coa alternativa do interior das galerías de Área Central; o mércores, no Parque Monte Mantible de Vite, e se non, no Auditorio; o xoves, na explanada de Aurelio Aguirre ou no interior da igrexa de Conxo; o venres, o xardín da Zona C de San Pedro ou a igrexa de Bonaval; e para finalizar, o sábado, na Praza Roxa do Ensanche.
‘DESCOBRE UNHA ORQUESTRA PARA TI, A TÚA!’
Á marxe da programación de inicio de tempada, Modia explicou a nova iniciativa de abonos para a Filharmonía, que ten como obxectivo achegar máis público aos concertos, con prezos “alcanzables” e un horario “de conciliación” os venres pola tarde.
‘Descobre unha orquestra para ti, a túa!’ oferta entradas a cinco euros para diferentes concertos ao longo da tempada, ata o peche da programación o 4 de xuño do próximo ano, cunha actuación no Parque Granell en colaboración coa gaiteira Cristina Pato.
Por outra parte, a raíz de que aínda non se convocara a praza para o novo director técnico do Auditorio de Santiago, Hernández asegurou que terá lugar nas próximas seis semanas. Así mesmo, explicou que non se convocou en agosto para evitar facelo nun período no que non todos os interesados “están atentos”.











