A presidenta da Deputación de Pontevedra insta á Xunta a crear un plan integral de atención ás demencias na sanidade pública
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, demandou hoxe un plan integral de atención ás demencias dentro da sanidade pública, tras reunirse coas asociacións de familiares de persoas con alzhéimer de toda a provincia. No Día Mundial do Alzhéimer Carmela Silva mantivo unha reunión coas asociacións de familiares do Morrazo, Vilagarcía de Arousa, Vigo e Pontevedra, na que tamén estivo presente a deputada de Servizos Sociais, Eva Vilaverde.
A presidenta sinalou que as competencias nesta materia correspóndenlle á Xunta de Galicia e ó goberno de Rajoy, e reclamou que ambas institucións poñan en marcha todos os recursos necesarios para a atención urxente a todas as persoas con algún tipo de demencia. “É un problema grave que afecta a toda a sociedade e as institucións teñen que estar ó servizo destas persoas”, subliñou Silva.
“As persoas con demencias demandan e esixen atención prioritaria porque, nestes momentos, son as familias e estas asociacións as que están a prestar todo tipo de servizos e formación ós que padecen a enfermidade cando as competencias lle corresponden á Xunta de Galicia”, concluíu a presidenta.
Por iso solicitou, de forma urxente, un plan integral galego de atención ós enfermos con demencia, baseado nos principios de equidade e igualdade social. “Demandamos os servizos de información, formación e atención ós enfermos de alzhéimer e ós seus familiares cun carácter público, universal e gratuíto”, resaltou Carmela Silva.
Ante a cifra de 15.000 persoas na provincia con esta enfermidade, a presidenta da Deputación asegurou que a Xunta de Galicia “debe declarar que a atención ás demencias ten que ser a súa prioridade na sanidade pública e actuar en consecuencia dedicando os recursos económicos necesarios para unha prestación dos servizos adecuada”.











