A praia da Banda do Río acolle o I Acuatlón Santa Ifigenia o 19 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Clube de Atletismo Corredoiras, coa colaboración da comisión de festas de Banda do Río e o Instituto Municipal de Deportes de Bueu, organizan o sábado 19 de setembro o I Acuatlón Santa Ifigenia. A proba tomará a saída na zona da praia da Banda do Río, tanto para as probas de natación como para a carreira a pé. E é que, segundo apuntan desde a organización, o Acuatlón é un deporte combinado e de resistencia no cal o atleta realiza dúas disciplinas en tres segmentos: natación, carreira a pé e natación. A orde é a sinalada e o cronómetro non se para durante o tempo que dure a competición.

Hai tres categorías en feminino e masculino: benxamín (entre 9 e 10 anos), alevín (entre 11 e 12) e infantil (entre 13 e 14). O horario de saída será ás 11 para benxamín, ás 11.30 horas para alevín e a partir das 12 horas para infantil. A partir deses horarios, os participantes farán un primeiro segmento de 250 metros nadando, outro de 500 metros correndo e outros 250 nadando.

As inscricións serán gratuítas e faranse a través dun formulario na páxina web www.corredoirasbueu.wordpress.com ata o 17 de setembro.

A entrega de gorros numerados será na Banda do Río o mesmo día ás 10 horas, e será obrigatorio presentar a autorización asinada polo pai, nai ou titor de cada menor. Para máis información, os interesad@s poderán consultar a páxina de Corredoiras ou a do Concello de Bueu. 

9 de setembro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.