A Policía Local intervén nunha disputa familiar en Vigo
Axentes da Policía Local de Vigo interviñeron este mércores de madrugada nunha vivenda da cidade, na que se produciu unha disputa familiar, e na que unha muller en estado ebrio supostamente agredira á súa parella. Segundo informaron fontes do 092, os feitos tiveron lugar pouco antes das 4,00 horas, cando foron alertados de que unha muller pedía axuda nunha casa da Subida á Madroa porque a querían matar a ela e ao seu bebé.
Unha vez no lugar, unha veciña informou aos axentes de que escoitara berros nunha vivenda e que recollera alí un bebé dunha parella que discutía. Segundo relatou, o neno foi entregado polo seu pai, un home de 31 anos de idade, quen manifestaba que a súa muller (L.A.M., de 29 anos) estaba nunha actitude “moi violenta”.
O home sinalou que a súa esposa bebera alcol e que tiña unha actitude hostil, chegando mesmo a agredilo. De feito, os policías comprobaron que a moza tiña síntomas de intoxicación etílica e “gran agresividade”, polo que tivo que ser atendida por unha ambulancia e, posteriormente, trasladada a un centro hospitalario.











