publicidade hoxe

A plataforma sarriana polo río considera un despropósito o acordado entre Concello e CHMS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

Unha vez obtido por fin o texto da acta da comisión de seguimento do proxecto de canalización celebrada o pasado día 4 de agosto, a Plataforma Sarriana polo Río fai a seguinte valoración:

-O acordo subscrito pola CHMS e o Concello de Sarria supón dar por rematadas as obras do proxecto de canalización e rescindir o contrato coa empresa adxudicataria delas; e todo isto deixando indefinidamente pechado ao tráfico a Ponte Ribeira, a rúa do Peregrino e o propio Camiño de Santiago. Dar por terminadas unhas obras deixando cortados unha ponte, unha rúa e o Primeiro Itinerario Cultural Europeo constitúe un feito insólito e inadmisible, que causa numerosos prexuízos a veciños, negocios e peregrinos. Semellante despropósito só pode obedecer á deliberada vontade da CHMS de castigar aos cidadáns pola movilización social xerada en Sarria contra o proxecto de canalización.

-É rotundamente falso o afirmado pola CHMS –e aceptado polo Concello- respecto á imposibilidade actual de acometer as obras para repor a circulación pola Ponte Ribeira. O feito que fundamenta a medida cautelar de paralización acordada no seu día polo Xulgado é a proxectada destrución do estribo esquerdo da Ponte Ribeira; o propio auto xudicial afírmao claramente cando, no seu razoamento xurídico 1º, alude a que “se pretende por las obras de encauzamiento del río Sarria la demolición y destrucción total del estribo izquierdo de Ponte Ribeira” e a que “se han retirado las primeras hiladas de sillares de granito de dicho estribo”. Polo tanto, se a CHMS renuncia á demolición dese estribo esquerdo de pedra, a medida cautelar deixará de ter fundamento, poderá ser alzada e o Xulgado autorizará as obras. Así, o único necesario é que a CHMS renuncie dunha vez a destruír o estribo esquerdo da histórica ponte e acometa as obras de inmediato, ben para devolver a ponte ao seu estado anterior, ben para executar as obras proxectadas pero sen afectar ao estribo esquerdo de pedra da ponte. O problema radica en que a CHMS –coa inéxplicable conformidade do Concello, insistimos- se nega a solicitar esa autorización ao Xulgado; pero ha de quedar claro que si é perfectamente posible restablecer o tránsito pola Ponte Ribeira, e se a CHMS se nega non é porque o Xulgado o impida, senón porque a propia CHMS non quere pedir a autorización xudicial e executar a obra.

-O Concello de Sarria, ao asinar este acordo, traizoou os intereses de Sarria e incumpríu frontalmente os compromisos previamente adquiridos. O novo grupo de goberno, na reunión mantida coa Plataforma o 7 de xullo de 2015, acordou facer súa a solución proposta pola Plataforma que permitiría reabrir a Ponte Ribeira ao tránsito de forma inmediata, ben devolvendo a ponte ao seu estado anterior, ben executando as obras proxectadas pero sen afectar ao estribo izquierdo de pedra, e comprometeuse a loitar por esa solución. Tamén en reunións con veciños e comerciantes prometeu que loitaría pola inmediata reapertura da Ponte Ribeira. A pesar de todo isto, o Concello acaba de aceptar e asinar o deixar indefinidamente cortada a Ponte Ribeira e o Camiño de Santiago.

 -Os grupos políticos integrantes do actual grupo de goberno (PSdeG-PSOE, CXG-CTT e BNG-AA) acordaron no seu pacto de goberno (punto 2) adoptar unha “solución colexiada ao plan de encanamento (asociacións, plataforma, grupos políticos, CHMS)”. Este acordo foi frontalmente incumprido porque o grupo de goberno deu por liquidado o plan de canalización pactando exclusivamente coa CHMS, pero ignorando por completo e volvendo as costas á Plataforma, ás asociacións e aos veciños. O actual grupo de goberno tardou moi pouco en caer no máis absoluto seguidismo respecto da CHMS, da que actúa como unha mera comparsa submisa e compracente, olvidando os intereses de Sarria.

-E todo iso a cambio de nada, porque o único que se contempla para a Ponte Ribeira na acta subscrita é que “se negociará la solución más conveniente para el interés público” e que “la Confederación Hidrográfica participará activamente de la solución, con una aportación financiera mayoritaria”. Como se ve, non hai prazos, nin condicións de ningún tipo, nin aportacións dinerarias minimamente concretas, e nin sequera existe o compromiso de respectar a parte histórica da Ponte Ribeira; todo son vaguidades inconcretas que deixan indefinidamente cortada a Ponte e o Camiño. É verdadeiramente inadmisible que o Concello aceptara algo tan sumamente lesivo para os intereses de Sarria.

-A Plataforma Sarriana polo Río quere deixar claro que o problema da reapertura da Ponte Ribeira non é xudicial nin de natureza xurídica, senón unicamente e exclusivamente de vontade política. Polo tanto, a Plataforma seguirá loitando como leva facendo desde hai case dous anos para salvar a Ponte Ribeira e para conseguir a súa inmediata reapertura ao tráfico fronte a todos aqueles que antepoñen non se sabe que intereses aos intereses de Sarria.

5 de setembro de 2015 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.