A plataforma Salvemos a Fracha dá resposta as declaracións de Ana Pastor e Lores sobre a A-57

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Cando os veciños non recibiron ningún dato sobre os terreos que vai ocupar a empresa San José nin sobre as expropiacións que a construción da A-57 vai causar, a Ministra de Fomento anuncia que as obras comezarán a primeira quincena de outubro. Este feito agrava a preocupación e nerviosismo que os veciños afectados veñen padecendo nas últimas semanas causados polos continuos rumores. O que ven a demostrar que son certas as acusacións de escurantismo entorno a dito proxecto que Salvemos A Fracha leva meses denunciando. Ante a despreocupación das administracións a plataforma realizou na tarde de onte (luns) unha reunión informativa no lugar de Pintos para os veciños que colaboran con dita plataforma no que enxeñeiro técnico Roberto Ocampo explicou cómo se desenvolven os procedementos de inicio deste tipo de obras e resolver as dúbidas dos veciños.

Os integrantes e técnicos da plataforma seguen  defendendo que a verdadeira circunvalación de Pontevedra é a Ap9 e continúan asombrados ante as declaracións de Lores de que o tráfico pesado en sentido norte-sur pasa polo centro de Pontevedra. Cando os bombeiros se queixan de que teñen dificultades para circular por algunhas rúas, cal é o “tráfico pesado” do que fala o alcalde? Xustifica esta mentira a A-57 como obra necesaria?

Dende SaF seguimos mantendo a tese de que o máis eficiente, ecolóxico e xusto para os pontevedreses e para os usuarios é que desprivaticen a Ap9, o que xa debería ser unha realidade dende hai anos a custe cero.

Por iso cree que as declaracións de onte de Ana Pastor son unha falacia a prol dos intereses das grandes construtoras e non se entende por qué o goberno municipal se suma a este tipo de políticas.

No seu encontro coa ministra, o alcalde ligou, unha vez máis, a efectividade do tramo Vilaboa –  A Ermida coa construción dos seguintes tramos, polos que el mesmo mostra a preocupación de que non se executen. Polo que non resulta comprensible a súa firmeza en apremiar a Fomento o inicio da obra que dinamitará o entorno da Fracha.

Estraña tamén a preocupación que amosa neste encontro polos “danos posibles á contorna”  e que fale de “porta aberta” cando leva máis de un ano sen escoitar as demandas dos veciños.

21 de setembro de 2015 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.