A partir do 8 de setembro poderá tramitarse a tarxeta para beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A veciñanza poderá solicitar a partir do martes 8 de setembro nas oficinas de Abanca en Carballo a tarxeta para beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano de A Coruña. As bonificacións comezarán a aplicarse a partir do luns 14 de setembro, cando o Concello pasará a formar parte de forma efectiva do Plan. Os dispositivos de pago poderán adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros. Un veciño ou veciña de Carballo que se desprace ata A Coruña aforrará máis dun euro por traxecto, ao ter que pagar 3,13 euros, no canto de 4,53. A Xunta contribúe co 80 por cento da bonificación no traxecto principal e o Concello co 20 por cento restante.

O Concello ten reservados dende primeiros de ano nos Orzamentos de 2015 un total de 25.000 euros para asumir a achega que lle corresponde para que os veciños e veciñas poidan beneficiarse dos descontos. A Xunta tamén asume a bonificación dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15 por cento) e ás familias numerosas (20 ou 50 por cento segundo se teña tres fillos ou máis). A área de Transporte Metropolitano da Coruña está constituída por 14 concellos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral, Cambre, Laracha, Oza- Cesuras, Cerceda e Miño; aos que se suman agora Carballo, Ordes e Curtis.
As oficinas de Abanca en Carballo onde poden adquirirse as tarxetas atópanse nos seguintes enderezos:

Oficina 0019 – Rúa Vazquez de Parga, 15
Oficina 0056 – Avda Milagrosa, s/n
Oficina 0093 – Rúa Gran Vía, 150-152
Oficina 0705 – Rúa Desiderio Varela, 2
Oficina 3118 – Rúa Barcelona, 17-19

No portal web do Transporte Metropolitano de Galicia, tmg.cmati.xunta.es, os interesados e interesadas poden consultar unha detallada explicación do funcionamento do Plan de Transporte Metropolitano e das súas vantaxes, incluíndo os cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos.

7 de setembro de 2015 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.