A OSG ofrecerá un concerto de balde a beneficio da Cociña Económica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Presentación do concerto

Presentación do concerto

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, presentaron na mañá deste xoves o concerto solidario que ofrecerá mañá, venres, a OSG a beneficio da Cociña Económica. “Trátase dun lugar emblemático e socialmente responsable da cidade”, lembrou o concelleiro, quen subliñou o compromiso do Goberno local, tanto coa Sinfónica como con este tipo de entidades.

O concerto, que terá lugar ás 20.30 horas no pazo da Ópera, terá como protagonistas aos directores novos de toda España que esta semana participan nas clases maxistrais de formación coa Sinfónica e terá unha duración dunha hora, na que se interpretarán catro obras curtas, con movementos de sinfonías de Brahms, Sibelius, Stravinski e Mozart. A entrada ten carácter gratuíto, e o público poderá achegar tanto diñeiro como alimentos en favor da institución benéfica. “Todo estará preparado para que a xente poida deixar as bolsas co que queiras achegar e entre todos e todas apoiar a esta gran institución que agora é máis necesaria que nunca”, expuxo Lacasa, quen valorou que o Consorcio da Promoción da Música poida colaborar, a través desta actividade coa Cociña Económica.

Neste sentido, o presidente da institución, Alberto Martí, que tamén acudiu á presentación, agradeceu ás moitas persoas e entidades que se lembran da Cociña Económica. “Estamos cumprindo e podemos saír adiante, a pesar de atender a máis persoas que nunca, grazas á xenerosidade da xente”, afirmou.

10 de setembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.