A oficina de igualdade de Lalín convoca os concursos “Dillo a quen maltrata” e o de “Tuits contra a violencia de xénero”
O departamento de Igualdade do Concello de Lalín acaba de convocar a XII edición do concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” e a a IV do “Concurso de Tuits contra a Violencia de Xénero ”. O prazo para a presentación dos traballos ábrese mañá e permanecerá activo ata o 4 de novembro par o certame epistolar e ata o 11 do mesmo mes para o de tuits. Trátase de dúas actividades que se veñen realizando dende hai anos e que “buscan promover entre a sociedade unha conciencia de condena e loita contra a violencia machista, así como potenciar formas de vida e de convivencia en igualdade” explicou a concelleira de Muller e Igualdade, Celia Alonso. Así mesmo, perseguen promover a reflexión sobre a problemática da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións e os efectos e consecuencias da mesma na sociedade, coa finalidade de incrementar a sensibilidade da cidadanía con respecto a esta lacara social.
As bases dos dous concursos pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e na páxina web municipal, www.lalin.org. A participación está aberta a toda a cidadanía. “Dillo a quen maltrata” permite a presentación de tres misivas, redactadas en galego ou en español, cunha extensión máxima de dous folios, que poden ser presentadas no rexistro do Concello, ou ben seren enviadas vía correo electrónico ao enderezo igualdade@lalin.org. Tras unha primeira preselección da que saíran elexidas 20 cartas, un xurado decidirá cales son as 3 finalistas e concederá un diploma acreditativo e un premio dunha Tablet Android 10” 8GB para o gañador, unha Tablet Android 7” 4 GB para o subcampión e un E-Bok táctil 7” para o terceiro clasificado.
Por outra banda, con respecto ao IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero, destacar que este tamén está aberto á participación de toda a cidadanía. Cada concursante poderá emitir un máximo de 3 tuits sobre a temática que inclúan o hastag #lalinsenviolencia, facendo mención a @eigualdad, cun duplicado a @ConcellodeLalin. Os criterios de valoración para designar á persoa gañadora terán en conta o contido e tratamento do tema, así como a orixinalidade e a capacidade de impacto da mensaxe. O xurado emitirá o fallo antes do día 20 de novembro cun premio para o gañador ou gañadora dunha Tablet Android 10”, que será entregada nun acto público. Tamén haberá diplomas de recoñecemento para os 5 primeiros clasificados ou clasificadas.











