A obra do campo de fútbol de Bamio comeza co replanteo dos terreos este luns
Tal e como se anunciara tras aprobarse hai uns días a compra dos terreos que faltaban, a obra de mellora e ampliación do campo de fútbol de Bamio dará comezo esta semana e sen maior dilación. O luns, a empresa adxudicataria das obras e a dirección do proxecto déronse cita ás doce da mañá para proceder ao replanteo dos terreos, o paso previo para que cometen a actuar as máquinas.
A concelleira de Urbanismo, Paola María, informou que o luns tamén foron convocados os propietarios dos terreos aledaños, posto que ademais de replantear a obra do campo de fútbol, terán que deixarse previstos os accesos ás respectivas fincas.
A execución da obra de mellora e ampliación do campo de fútbol de Bamio comeza cun ano de atraso sobre o prazo inicialmente previsto e despois de que o novo executivo desbloquease en menos de dous meses os asuntos que impedían levar a cabo o proxecto: Primeiro houbo que modificar o proxecto porque as medidas non coincidían coas superficie dispoñible e non se contemplaban servizos indispensables, como aseos; e o segundo foi negociar e xestionar a adquisición dos terreos que faltaban para poder acometer a actuación.
Axilidade na xestión e tramitación
A maiores, o goberno tivo que axilizar a tramitación dos procedementos imprevistos, como a compra venta dos terreos e, a busca de fondos municipais para facer fronte á compra e ao custe de acondicionamento desta parcela; trámite que tivo que ir a Pleno; e mesmo sacar a contratación o acondicionamento e explanación desta superficie. Todos estes trámites están xa completados, polo que xa nada impide que a partir do luns os traballos discorran non normalidade.
A empresa Marco é a adxudicataria das dúas fases do proxecto polo que farase toda a obra dunha tacada. O proxecto de mellora do campo de fútbol ten un prazo de execución de tres meses e financiarase cunha subvención da Deputación Provincial que ascende a 475.000 euros. O Concello asume o custe da compra dos terreos, algo máis de 10.000 euros, máis os de acondicionamento dos mesmos.
Entre outros aspectos, as obras de mellora no campo de fútbol de Bamio consisten basicamente en dotar ao actual campo de céspede artificial, mellorar a iluminación do recinto e dotalo de sistema de rega e drenaxe e distintos elementos para a práctica deportiva como porterías para fútbol 11 e fútbol 7 e bancadas para os equipos . Con este proxecto reformado, o campo poderá ampliarse de xeito que o terreo de xogo conte coas dimensións regulamentarias para a práctica de varias disciplinas deportivas, como por exemplo o rugby. Ademais, ampliación permitirá construír aseos, un servizo do que o proxecto inicial prescindía.











