A obra da cuberta e a renovación da iluminación do Colexio de Carril rematan para o inicio do curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A segunda fase da obra de substitución da cuberta do colexio Rosalía de Castro de Carril rematará mañá martes, unha semana antes de que se cumpra o prazo de execución fixado e a tempo para que alumnos e profesores do centro inicien o xoves o curso con total normalidade. Ademais de atoparse co tellado completamente renovado para acabar cos problemas de filtracións e humidades, a comunidade escolar tamén estreará o xoves nova iluminación interior nas instalacións afectadas pola segunda fase da obra do tellado.

As xestión realizadas polo Concello para axilizar ao máximo os trámites de obtención de permisos para a retirada de elementos de amianto, así como o seguimento da obra realizado pola concelleira de Urbanismo para que a adxudicataria apurase os traballos, permitiron rematar as obras dous días antes do inicio do curso escolar 2015/16.

Xa o venres comezaran a limpar as dependencias onte se remaran as obras que consistiron na substitución da cuberta nos módulos do centro nos que non se actuara o ano pasado e a colocación de falsos teitos novos. Esta segunda fase contou cun investimento de 92.000 euros que se financiaron a través dunha axuda concedida ao Concello pola Deputación Provincial mediante convenio coa Consellería de Educación.

Dado que se ían a desmontar e cambiar os falsos teitos, o Concello decidiu aproveitar a circunstancia para renovar a instalación eléctrica nesas dependencias con criterios de eficiencia e aforro enerxético, polo que se colocaron lámpadas led que ademais de mellorar a calidade lumínica, consumen menos enerxía. Os traballos eléctricos realizáronse con man de obra municipal.

A última xornada das obras dedicarase á recollida de material de obra e a rematar a limpeza interior das dependencias escolares.

7 de setembro de 2015 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.