A mostra “Senso sublime” contabiliza máis de 1.000 visitas na primeira fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A exposición “Senso Sublime”, do artista pontevedrés Sergio Portela, xa contabilizou 1.144 visitas desde que foi aberta ó público. O día da súa inauguración, o pasado xoves, acudiron ó acto de apertura 370 persoas, ás que se suman 774 visitantes máis durante a fin de semana. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, cualifica esta acollida como “indicativo do bo traballo que se está a realizar desde o Museo de Pontevedra para ofertar unha programación de calidade, baixo criterios profesionais, e que trata de implicar na medida do posible a todo tipo de público e intereses artísticos”.

“Senso Sublime” ocupa as salas dedicadas a exposicións temporais do Sexto Edificio do Museo provincial. A partir de hoxe, neste mesmo espazo, está a disposición dos visitantes o catálogo desta mostra por un prezo de 15 euros.

O catálogo está divido en apartados que comprenden as distintas disciplinas artísticas que compoñen a propia exposición. O capítulo dedicado a arquitectura inclúe un texto do propio Sergio Portela, titulado Arte e Ciencia, e outro de César Portela Fernández-Jardón, titulado Escultura e Arquitectura. O apartado de escultura inclúe un texto de Antonio Barrionuevo Ferrer, co título Sergio Portela, o Artista e o Home, e o de Iván Pita González, As Esculturas Parlantes. En pintura participa Manuel Cuña Novás co texto A Nosa Condición; e en fotografía Therese Gresdal Sandnes, con Todos Somos Un. Tamén inclúe textos de Rafael Trénor Suárez de Lezo, dos comisarios da exposición, Patricia Trigo e Antón Sobral, do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O catálogo consta de máis de 200 páxinas que fan un repaso á obra do artista na voz e desde o punto de vista dos autores que colaboran. Contén un volume importante de fotografías, tanto da obra exposta coma doutras obras do artista que non se atopan na exposición, así como fotografías de Sergio Portela en distintas viaxes que ilustran o capítulo biográfico.

Obradoiros para nenos e nenas

Como actividade complementaria desta exposición o departamento didáctico do Museo provincial pon en marcha tres obradoiros para nenos e nenas que desexen experimentar coa obra escultórica do autor.

Esta actividade está enfocada a que os rapaces e rapazas poidan coñecer os diferentes metais empregados na escultura, coma o cobre, o ferro e a aliaxe do bronce. Para isto ensinaráselles a empregar distintas técnicas pictóricas que imitan o efecto destes metais para que practiquen sobre os soportes de escaiola que se lles facilitarán no obradoiro. Deste xeito os cativos poderán familiarizarse coa obra escultórica exposta a través das pátinas utilizadas polo propio artista para obter o acabado final. Estes obradoiros incluirán, ademais, unha visita á exposición para que coñezan a obra e traxectoria de Sergio Portela.

Poderán participar rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos, ata un total de 12 participantes por obradoiro. As datas de realización serán os sábados 10 e 31 de outubro e o 7 de novembro, en horario de 10:30 a 13:00 h. Os obradoiros serán no Sexto Edificio do Museo e para participar será preciso dirixirse ó Gabinete Didáctico a través do teléfono do 986 804 100, extensión 42413, ou a través do enderezo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. O prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de outubro.

29 de setembro de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.