A moción de EU sobre a selección de persoal en Vilagarcía é inviable legalmente
A moción presentada polo municipal de EU-Son sobre política de persoal, que inclúe, entre outras cousas, a creación dunha bolsa de emprego ou a posta en marcha dunha “comisión de puntuación e seguimento” non é viable dende o punto de vista legal. Así se conclúe do informe conxunto, de nove páxinas, elaborado pola Secretaría Xeral e o departamento de Recursos Humanos.
No ditame se recoñece que a Orde APU/1461/2002, de 6 de xuño, do Ministerio de Administracións Públicas, pola que se establecen as normas para a selección e nomeamento de persoal funcionario interino, prevé a formación de relacións de candidatos, tamén denominadas “bolsas de traballo”, para cubrir determinados postos cando sexa urxente e necesario. De feito, se subliña no informe, no Concello de Vilagarcía existen na actualidade ata sete bolsas desas características creadas dende 2008 e prorrogadas a petición, precisamente, da Mesa Xeral de Negociación Sindical. En concreto, existen bolsas de profesores do conservatorio de música e para distintas especialidades; de profesores da Escola municipal de Música; de Persoal Operario, tamén en distintas especialidades; de Persoal Subalterno; de Persoal Auxiliar Administrativo; de Diplomados en Enfermería; e de Traballadores Sociais.
O número de bolsas podería ser maior, pero en calquera caso hai que ter en conta que a Lei de Emprego Público de Galicia (lei 2/2015) establece que nos casos de acumulación de tarefas, substitución transitoria do titular, programa temporal, etcétera “non poderá contratarse persoal laboral temporal, debendo nomear se resultara necesario persoal laboral funcionario interino” nos termos previstos no artigo 23 da citada lei.
Competencias exclusivas
Con todo, hai outras propostas que son imposibles de cumprir. A este respecto, no ditame xurídico lémbrase que a competencia para a aprobación da convocatoria e das bases de selección do persoal corresponde ao alcalde, segundo a Lei de Bases de Réxime Local, previa negociación sindical das bases xerais ou específicas e información ao Comité de Empresa e a Xunta de Persoal.
Por último, o informe subliña que a selección do persoal “corresponde a órganos eminentemente técnicos, sen que sexa posible a creación da Comisión de Puntuación e Seguimento que se propón, xa que legalmente está vetada a pertenza de representantes políticos e sindicais”, con independencia de que o nomeamento dos membros dos tribunais de selección corresponde ao alcalde como xefe superior do persoal que lle recoñece a propia Lei de Bases de Réxime Local.











