A Marea de Vigo personarase como acusación particular na causa aberta pola ‘Operación Patos’
A Marea de Vigo anunciou que se personará como acusación particular na causa enmarcada na ‘Operación Patos’, dirixida polo Xulgado de Instrución número 7 de Vigo por supostas irregularidades en contratos de diferentes administracións públicas, entre elas o Concello de Vigo, e que salpica a distintos cargos políticos.
O portavoz da Marea, Rubén Pérez, anunciouno nunha rolda de prensa este venres na que xustificou que, aínda que lles gustaría “evitar esta vía”, optaron por ela para poder acceder por vía xudicial a “a información que se lles nega por parte deste concello”, concretamente sobre contratos, importes e procedementos de contratación.
Así, remarcou que queren “saber como se contrata nesta cidade” e até entón “a Marea de Vigo vai desaparecer das mesas de contratación deste concello”. “Non imos participar nas mesas de contratación ata que se nos clarifique como se están facendo os procesos de contratación pública, porque sería ser copartícipes de determinadas cousas que están a ser investigadas xudicialmente”, manifestou.
Nesta liña, lembrou que o pasado mes de xullo presentaron unha moción solicitando unha comisión de investigación sobre procesos xudiciais abertos vinculados á contratación pública, pero foi rexeitada pola maioría socialista. “O feito de non ter unha comisión obriga á Marea de Vigo a facer algo que estabamos a esperar a saber se era necesario ou non”, mantivo.
“Queriamos coñecer pola vía democrática do pleno que pasa con esas investigacións, expedientes e contratos e negounos nun pleno, co cal a Marea só ten unha canle de conseguir esa información , que é a través desa canle que se abre”, explicou Pérez, que considerou que este é un “argumento de peso” que lles permitirá acudirse na causa.
CONTRATOS
O portavoz da Marea manifestou que é “absolutamente grave o silencio administrativo fronte a esta situación” porque non se está falando “de cuestións de lucro persoal, senón que se está- pondo encima da mesa riscos para recursos públicos”.
Segundo dixo, “non é función da Marea saber que clubs de alterne frecuenta algún funcionario municipal e quen llo paga”, senón que o que lles preocupa é “que detrás haxa adxudicacións”. “O que queremos é claridade e que os traballadores públicos deste concello poidan traballar con tranquilidade e sen presións de organizacións políticas”, apostilou.
Ademais, subliñou que “non hai temas secundarios” nin se están tratando “cousas menores”, a colación do que mencionou o “contrato multimillonario que se vai a pór durante diferentes fases en varios anos, que é a reforma do estadio de Balaídos”. Así mesmo referiuse a que unha das empresas investigadas, Cespa, tivese o contrato de mantemento de parques e xardíns.











