A Marea de Vigo esixe a dimisión inmediata dos cargos imputados na ‘Operación Patos’
O grupo municipal da Marea de Vigo esixiu “a dimisión inmediata” dos cargos públicos que foron imputados pola xuíza de instrución número 7 de Vigo no marco da ‘Operación Patos’, que ascenden a un total de 46 persoas, á marxe do cinco que foron detidas no seu día e que xa están imputadas.
Nun comunicado emitido despois de que transcenda esta información na prensa, a Marea manifestou que ademais das responsabilidades xudiciais que se esclarecerán no proceso xudicial aberto, hai “responsabilidades políticas que deben ser asumidas de forma inmediata”. Por iso, pediu “a dimisión inmediata” dos cargos institucionais imputados na causa.
A Marea lembrou que se personará como acusación popular neste proceso xudicial, e, en declaracións indicou que xa está a preparar a documentación e “en principio” a próxima semana fará efectiva a súa petición de personarse.
Ademais das cinco persoas detidas en febreiro de 2014 (catro empresarios e o exedil de Vías e Obras de Nigrán), a lista de imputacións complétase con: o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o exvicepresidente deste organismo e presidente local do PP, José Manuel Figueroa; a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; o alcalde olívico, Abel Caballero; varios concelleiros vigueses; empresarios e funcionarios.
Desta forma, a maxistrada acepta a inmensa maioría das propostas polo Fiscal, e imputa a todas as persoas que solicitaba o Ministerio Público, excepto a tres: o exalcalde de Nigrán, Alberto Valverde; o secretario municipal do Concello de Nigrán; e a presidenta da asociación de veciños ‘Pedra Moura’ (en relación cunha subvención).











