A liña de axudas para novos proxectos empresariais superan as cen solicitudes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Departamento de Promoción Económica do Concello recibiu 113 solicitudes para a liña de axudas destinada a novos proxectos empresariais, que conta cunha partida de 100.000 euros. Esta liña de axudas enmárcase dentro do obxectivo da Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de dinamizar o tecido empresarial de Santiago. Esta medida diríxese aos emprendedores, que dende o goberno municipal se considera un colectivo fundamental para o desenvolvemento do tecido económico da cidade.

Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución do novo negocio ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC.

O máximo de axuda por empresa ascende aos 5.000 euros e os capítulos subvencionables son: custo de persoal contratado por conta allea, cotas de autónomos do empresario individual e socios e cotas das mutuas dos colexios profesionais; compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; gastos de investigación e desenvolvemento; arrendamentos e canons; reparacións e conservacións; servizos profesionais independentes; transportes; primas de seguros; publicidade, propaganda e relacións públicas; subministros; e gastos de formalización de constitución da sociedade.

Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta liña de axudas as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a súa actividade económica entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 11 de setembro de 2015 e teñan a súa sede no Concello de Santiago. O prazo de presentación das solicitudes rematou o pasado 11 de setembro.

23 de setembro de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.