A librería lalinense Vagalume colabora co Concello no reparto de axuda escolar

Nicolás González na librería Vagalume
A librería Vagalume anunciou hoxe a súa colaboración co Concello no reparto de axuda escolar, mediante a doazón de tres lotes de libros de texto de infantil e de outros tres lotes de material escolar, tamén para esta etapa académica. O establecemento cedeulle o material ao Concello, para que dende o departamento de Benestar Social se reparta posteriormente entre os solicitantes das bolsas municipais de axuda ao estudantado. Así o explicaron hoxe o tenente de alcalde e edil de Benestar Social, Nicolás González Casares e os propietarios do local, Carolina Filgueira e Iago González.
Estes sinalaron que levaban tempo barallando a posibilidade de colaborar coas familias que máis o necesitan nos gastos derivados do comezo de curso, polo que, finalmente, decidiron canalizar a axuda a través do Concello. A decisión dos donos de Vagalume de destinar a colaboración exclusivamente a infantil débese, segundo indicaron, a que é unha etapa educativa na que a Xunta non outorga subvencións, amparándose en que non se trata de cursos obrigatorios. Hai que especificar, que no caso dos libros de texto que entregará o comercio, un lote irá dirixido a alumnado de 3 anos, o segundo a cativos e cativas de 4, e o último a nenos e nenas de 5.
González Casares agradeceu e valorou en nome do Concello a cooperación e o esforzo de Vagalume, “xa que tendo un orzamento limitado, este tipo de aportacións permítenos cubrir a máis xente”, indicou.
O Concello destinou para este curso unha contía de 18.000 euros en bolsas complementarias ao estudo para a adquisición de material escolar e roupa deportiva. Neste senso, Casares aproveitou para anunciar que, unha vez rematado o prazo de solicitudes e valoradas estas polos técnicos, se contabilizaron un total de 303 peticións, das que 14 foron denegadas por diferentes motivos. Tamén indicou que quedan expedientes por valorar debido á falta de documentación, e que outras 14 persoas que o ano pasado solicitaron a axuda, este ano non o fixeron a pesar de ser informadas. Para finalizar, apuntou que a maioría dos solicitantes optan por un vale cuxo importe sexa do 50% para material escolar e do 50% para material deportivo.











