A IV Xornada contra a trata celébrase este venres 25 no Ágora
O Concello da Coruña colabora na IV Xornada contra a trata de seres humanos que organiza a Rede Galega contra a Trata e que este ano leva o título Menores Vítimas da Trata . O evento terá lugar o próximo venres, 25 de setembro, no Ágora e nel participará a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. No encontro analizarase, desde distintos prismas, a situación dos e das menores vítimas en primeira persoa da trata e daquelas que o son por seren fillos e fillas de vítimas. A idea é abordar esta problemática desde os diferentes contextos de intervención, acollida e orientación psicosocial, así como revisar os protocolos de actuación dos organismos implicados.
A xornada dará comezo ás 09.00 horas da mañá e estará aberta a todo o público até completar aforo, se ben as inscricións deben facerse previamente a través do formulario on line http://goo.gl/forms/mWJCZTJHhE . A edición deste ano pecharase coa actuación de Sanjurjo e Dopico, Bouba Pandeireteiras e SÉS, ás 20.30 horas no Auditorio do Ágora. O precio da entrada será de 5 euros.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, será unha das encargadas da apertura das xornadas xunto co portavoz da Rede Galega contra a Trata, Daniel Bóveda, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella.
“Dende o Concello da Coruña interésanos especialmente abordar o conflito de menores vítimas da trata. Estas xornadas, o compromiso do Goberno municipal con elas e a nosa participación, é unha mostra máis do noso desexo de traballar en rede coas entidades especializadas nestas problemáticas”, explicou Fraga.











