A “III Gala Salsera Solidaria” recadará alimentos non perecedeiros para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

Os integrantes de Salseros Solidarios Ferrol organizan, coa colaboración do Concello de Narón, a terceira edición da “Gala Salsera Solidaria”, que terá lugar mañá sábado nas instalacións da discoteca Onda. A concelleira de Acción Social, Catalina García, e a representante do colectivo organizador, Elisabeth Arenas, presentaron hoxe o evento, no que se recadarán alimentos non perecedeiros para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Esta nova “Operación kilo”, consiste en aportar, como mínimo, un kilo de alimentos cada asistente.

A partir das 22.30 horas as persoas interesadas en colaborar poderán facelo xa nas instalacións da citada discoteca, se ben o espectáculo comezará sobre as 23.30 horas, tal e como apuntou a edil de Acción Social. As actuacións previstas correrán a cargo do grupo de danza oriental Arabesque e a academia de baile Fusion Dance, de Fene. Así mesmo, Elisabeh Arenas anunciou que haberá numerosas sorpresas no transcurso da gala das que poderán gozar os asistentes, aos que se animará a participar activamente nas sesións de baile coa colaboración dos animadores Yherffry Recio e Javier Veiga –que xunto co resto de organizadores e con Mónica Sixto, Marisol Fernández e Charo Díaz integran Salseros Solidarios Ferrol-. Na organización do evento están ademais DJ Tito Boricua, Jaime Martínez, que xunto con DJ Tedu amenizará a sesión musical.

A concelleira Catalina García agradeceu en nome das entidades que integran o Centro de Recursos Solidarios –Dignidad, Cáritas Santiago Apóstol e Plataforma de Afectados pola Hipoteca- e do Concello de Narón, a axuda prestada ao Centro de Recursos Solidarios por Salseros Solidarios de Ferrol. García fixo tamén un chamamento á asistencia a este evento solidario. A edil naronesa incidiu na importancia de “colaborar na medida do posible neste tipo de causas para poder axudar ás persoas que dispoñen de menos recursos e ás veces, lamentablemente, carecen dos básicos para poder sobrevivir”. Catalina García recordou ao respecto que desde o Centro de Recursos Solidarios de Narón se está atendendo a unhas 1.300 persoas da localidade e tamén doutros concellos da comarca.

18 de setembro de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.