A gardería da Deputación de Pontevedra abrirá unha nova aula antes de finais de ano
A escola infantil Chupetes, situada na Cidade Infantil Príncipe Felipe e dependente da Deputación de Pontevedra, abrirá unha nova aula para nenos de 0-1 anos antes de finais de ano. Este anuncio realizouno onte a deputada provincial de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, co gallo do inicio do curso na gardería, que este ano conta xa con 87 pequenos matriculados.
Vilaverde salientou a importancia do sistema de funcionamento da gardería provincial para a conciliación laboral e familiar, xa que é a única en toda Galicia cun sistema de quendas que abre dende as 7.30 da mañá ás 22.30 horas de xeito ininterrompido e permite aos pais que traballan organizarse e deixar a os seus fillos atendidos por un equipo educativo de calidade. A deputada provincial tamén remarcou que a escola infantil está aberta a tódalas familias da comarca. “É un instrumento excelente ao servizo das familias que parte da poboación non coñece e ao que queremos dar luz. A escola infantil da Deputación está aberta a toda a poboación que precise deixar aos seus fillos ao coidado de educadores para poder conciliar a vida laboral e familiar”, subliñou.
A intención de abrir unha nova aula cos pequenos de berce débese fundamentalmente á demanda de familias de nenos que nacerán ao longo de finais deste ano, xa que noutras escolas infantís públicas non se da a posibilidade de facer a matrícula para nenos aínda non nados. Esta situación ven obrigando aos pais a iniciar os trámites da admisión cando os centros xa teñen completas as cotas de alumnos por aula co que, na maior parte dos casos, quedan sen servizo de gardería.
Nestes momentos a escola infantil da Deputación conta xa con catro reservas para bebés de setembro, outubro e novembro e estanse a recibir bastantes solicitudes de información. No caso de que xurda unha grande demanda e se cubran todas as vacantes existentes con nenos xa nacidos, as familias que queiran seguir mantendo a reserva para os seus fillos terán que abonar as correspondentes taxas mensuais para poder manter a praza.
A día de hoxe o centro ten matriculados 87 rapaces, que se dividen en diferentes grupos segundo a idade, e aínda dispón de algunhas prazas vacantes. O primeiro grupo é o de 0-1 anos, que ocupa un aula con sete nenos ao cargo dunha educadora. O segundo grupo (de 1-2 anos) ten tres aulas e conta con 37 rapaces pola mañá (con 13 máximo por educadora) e tres na quenda de tarde. O terceiro grupo (2-3 anos) ten dúas aulas, con 38 nenos pola mañá -19 por educadora- e outros dous pola tarde.
Primeiro día, con choros
Onte foi o primeiro día de curso e, como era previsible, houbo choros por parte dalgúns dos nenos e tamén dos pais. Estes xa coñeceran as instalacións do centro o día anterior, xa que foran citados a unha reunión pola responsable da gardería para dar resposta ás súas inquedanzas “sobre onde van estar os pequenos, con quen e que fan”. Tamén coñeceron ao novo director de Príncipe Felipe, José Ramón Couto, e manifestaron a súa satisfacción pola calidade do equipo educativo e a programación proposta para o curso.
A escola infantil ten dous eixos no seu funcionamento. Un deles é permitir a conciliación entre a vida laboral e familiar. Trátase da primeira escola infantil de Galicia que aplica un sistema para dar resposta a grupos de pais e nais que traballan en dúas ou tres quendas. Os nenos pasan un máximo de oito horas no centro, no que comen ou cean. “A sociedade é cambiante e hai que ter en conta as adopcións, os tempos das xestacións e os permisos de baixas maternais e de lactancia das nais. Somos os únicos que garantimos ese sistema e atendemos aos nenos nados a finais de ano, dando un servizo ás familias que se atopaban cun problema para facer a súa matrícula noutros centros”, indica a directora.
O segundo eixo de funcionamento da escola infantil provincial céntrase no aspecto educativo, xa que o obxectivo é fomentar a autonomía persoal dos nenos e ter en conta as súas necesidades de afectividade e educación nun tramo de idade fundamental no desenvolvemento da súa personalidade.
O equipo de persoal de ‘Chupetes’ está formado por unha directora, unha persoa de servizos xerais, sete educadoras pola mañá e dúas pola tarde, así como unha de reforzo











