A Garda Civil ultima os informes do accidente do Rally da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil ultima os informes sobre o accidente do Rally da Coruña, acontecido o sábado ao seu paso polo municipio coruñés de Carral, no que faleceron sete persoas, segundo informaron fontes da Benemérita. As mesmas fontes confirmaron que este martes se celebrou unha reunión de membros da Garda Civil de Tráfico en relación co accidente da fin de semana.

Non obstante, sinalaron que se tratou dun encontro de “carácter interno” para tratar “os informes de carácter técnico para a Administración”, engadiron sobre os que se solicitan en casos deste tipo.

Por outra banda, evitaron pronunciarse sobre as circunstancias do accidente, con sete falecidos e unha quincena de feridos, ou se se cumprían todas as medidas de seguridade para este tipo de probas. Mentres, os catro feridos que aínda permanecen ingresados no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) evolucionan favorablemente.

Este martes tivo lugar, en Carral, o enterro da sétima vítima, unha nena de 11 anos. Deste municipio coruñés, eran catro dos falecidos, unha nai de 37 anos e a súa filla de 14 e un home de 35 anos. De Cambre, eran outros tres falecidos, unha moza de 20 anos e unha parella que estaba a esperar un fillo. A muller estaba embarazada de nove meses.

9 de setembro de 2015 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.