publicidade hoxe

A Garda Civil detén ao suposto autor de varios roubos en vivendas, alpendres e interior de vehículos na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaSucesos
A-
A+

A Garda Civil detivo a J.R.M., de 37 anos de idade e sen domicilio fixo, como suposto autor de, polo menos, 10 delitos de roubo con forza cometidos en vivendas, alpendres e interior de vehículos, todos eles no municipio da Estrada entre os meses de xuño a agosto do ano actual. Esta detención é froito das investigacións que compoñentes do Posto da Garda Civil da Estrada viñan realizando por mor das denuncias presentadas no mesmo. 

Así, na madrugada de hoxe, estas investigacións propiciaron a localización e detención do suposto autor do roubo con forza nunha vivenda do municipio,  que fora realizado entre os días 13 e 14 do actual mes. 

No momento da detención intervéñenselle e recuperan diversos efectos coincidentes cos subtraídos neste último feito delituoso, que foron recoñecidos polos seus propietarios, tratándose de roupa, alimentos, reloxos, entre outros. 

No transcurso da instrución das dilixencias púidose constatar que esta persoa é a suposta autora doutros nove delitos de roubos en vivendas, alpendres e interior de vehículos perpetrados no municipio estradense. 

As investigacións continúan abertas polo que non se descartan novas imputacións por feitos delituosos da mesma índole. 

O detido, que conta con antecedentes policiais, será posto, xunto coas dilixencias instruídas, a disposición do Xulgado de Instrución número DOUS da Estrada.

15 de setembro de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.