A Fundación La Rosaleda presenta o novo libro do doutor Alfredo Robles sobre a demencia
O próximo martes, 21 de setembro, conmemórase o Día Mundial do Alzheimer. Con tal motivo, a Fundación La Rosaleda presenta o novo libro do Dr. Alfredo Robles, El rincón de la demencia, unha obra que recompila unha serie de artigos publicados en prensa polo director da Unidade de Neuroloxía cognitiva do hospital La Rosaleda. O acto terá lugar este mércores, 16 de setembro, ás 20:00 horas, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.
Máis de 50.000 galegos sofren algún tipo de demencia e moitos máis conviven con esta enfermidade que pode afectar a calquera persoa e que ten un altísimo custo social, psicolóxico e económico. Para profundar no seu coñecemento o Dr. Robles publicou unha serie de artigos en prensa nos que abordou de forma divulgativa, amena e sumamente interesante, diversos aspectos da demencia, presentando contidos comprensibles e útiles tanto a quen se enfrontan a ela como á sociedade en xeral.
O interese suscitado polas publicacións levou aos responsables da Fundación La Rosaleda a recompilalos nun libro que agora ve a luz e que permite obter unha visión completa e real desta doenza pero tamén achegarse a diversos aspectos da neuroloxía da conduta, a intelixencia e, en definitiva, ao ser humano. Na presentación estarán, ademais do autor, o director xerente dos Centros Sanitarios La Rosaleda, Rafael Silva, e José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia e prologuista do libro.
O doutor Alfredo Robles
Doutor en Medicina cum laude en 1985 por unha tese sobre trastornos de memoria, foi coordinador do Grupo de Neuroloxía da conduta e demencias da Sociedade Española de Neuroloxía, fundador e primeiro presidente da Asociación Galega para Axuda ao enfermo con demencia tipo Alzheimer (Agadea). Dirixiu unha unidade de Neuroloxía cognitiva no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela entre 1992 e 2008. Desde entón dirixe a Unidade de Neuroloxía cognitiva do Hospital Policlínico La Rosaleda.
Coordinou e foi un dos redactores do Documento Sitges, un texto destinado a aclarar cuestións ligadas á capacidade dun enfermo con demencia para tomar decisións, e onde se avoga por unha incapacitación parcial, progresiva e a medida para protexer a autonomía e respectar os dereitos dos enfermos. Tamén é autor do Manual de información y consejos para los convivientes de enfermos con deterioro cognitivo ligero, enfermedad de Alzheimer y otras demencias.











