A Fundación CETMAR e a plataforma PROTECMA reúnen nunhas xornadas sobre protección da costa a administracións, empresas e investigadores
As xornadas “A protección da nosa costa: da prevención á resposta” teñen como obxectivo a posta en común entre as administracións competentes, as empresas e os centros de investigación dos plans de continxencia contra a contaminación marítima que conforman o Sistema Nacional de Resposta, así como os avances na regulación dos dragados e os seus aspectos ambientais en España.
Durante dous días procederase á presentación de tecnoloxías e resultados de proxectos de colaboración público-privada desenvolvidos por organizacións e consorcios promovidos dende as plataformas, ao tempo que se agarda identificar os principais retos cara á protección da costa e as vías de colaboración para afrontalos.
O Centro Tecnolóxico do Mar e a Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e do Medio Mariño PROTECMA, que coordina o propio CETMAR, son os responsables da organización destas xornadas, nas que ademais participa persoal da Fundación galega. É de destacar tamén a presenza da Xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico do INTECMAR, quen disertará sobre a aportación do plan de continxencia territorial de Galicia (Plan CAMGAL) ao Sistema Nacional de Resposta.
A inscrición estará aberta para todos os interesados ata o 30 de setembro e deberá formalizarse a través da páxina web de PROTECMA, onde tamén está dispoñible o programa completo do evento.











