A Fundación Celta lanza a iniciativa “Eurorrexión Celeste” para fomentar o celtismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Fundación Celta de Vigo levará a cabo durante esta tempada unha interesante proposta ideada para afianzar e estender o celtismo ao longo da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e achegar o club á afección. O proxecto “Eurorrexión Celeste” consiste en facilitar aos concellos desta ampla zona entradas para os partidos que o Celta dispute en Balaidos e que estas institucións distribuirán entre entidades, colectivos e veciños. Ademais, os invitados terán a oportunidade de realizar unha visita ao museo do Celta e recibirán un obsequio por parte da Fundación.

Nesta ocasión, con motivo do partido Celta – UD As Palmas, a Fundación convidou ao concello da Estrada, que repartiu as súas entradas entre os mozos integrantes dos equipos Callobre FC e Sporting A Estrada. No anterior encontro en Balaídos, foi o Concello de Redondela o protagonista deste proxecto.

Esta iniciativa vai destinada aos concellos pertencentes á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal tanto cos que a Fundación e o club manteñen xa unha relación de colaboración en materia deportiva e de formación, como co resto de localidades situadas nesta zona.

Celta e Fundación continúan deste xeito estreitando lazos con diversas institucións da súa contorna para promover o celtismo e achegar o club á afección.

11 de setembro de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.