A Fundación Alba Pérez recadou uns 2.000 euros para a loita contra o cancro infantil na Gala Solidaria de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

Os organizadores da Gala Solidaria a favor da Fundación Alba Pérez, unha entidade sen ánimo de lucro de loita contra o cancro infantil, lograron recadar no acto do pasado sábado no Pazo da Cultura 1.950,60 euros. Esta cantidade destinarase integramente á citada Fundación, presidida por Rafael Pérez, pai de Alba Pérez, unha menor de Barcelona que faleceu a consecuencia do cancro.

As concelleiras de Cultura e Igualdade de Narón, Marián Ferreiro e Teresa Sabio, respectivamente, agradeceron o apoio prestado pola veciñanza da localidade e tamén doutros municipios da comarca, que o pasado sábado acudiron á Gala Solidaria, e deron ademáis as grazas a todas aquelas persoas que fixeron aportacións económicas a través da Fila 0 ou adquirindo o libro “Sueño con Alba”, que se puxo á venta no Pazo da Cultura e no que Rafael Pérez narra a historia da súa filla. A organización da mencionada gala, da que forma parte Mónica Cereijo, agradeceu no seu nome e no do pai da menor –que acudiu ao acto- a colaboración prestada neste evento polo Concello de Narón.

Da cantidade recadada, eses 1.950,60 euros, a maior parte correspóndese coa venta de entradas para a gala –a un prezo de cinco euros-, se ben un total de 210,60 euros ingresáronse a través da Fila 0, e outros 220 euros proceden da venta do libro escrito polo pai de Alba Pérez, tal e como explicou Mónica Cereijo. A organización comezará en breve a traballar para convocar unha nova gala solidaria con esta causa no ano 2016.

15 de setembro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.