A Feira Franca atrae a Pontevedra máis visitantes ca nunca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A cidade de Pontevedra viviu onte unha “espectacular e fantástica” Feira Franca, á que acudiu un número indeterminado de persoas pero que a organización -o Consello da Feira Franca- estima que “é a máis numerosa que lembra”, segundo manifestou esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva.

Todas as actividades organizadas tanto polo Concello como polas asociacións e entidades participantes do Consello da Feira Franca estiveron ateigadas de xente, e o espectáculo das xustas celebrado na praza de Touros tivo que colgar o completo nos dous pases, con xente ás portas da praza que non puido asistir por ter o aforo cheo.

Tamén destaca a implicación da hostelaría, que asumiu, na súa práctica totalidade, o espíritu da festa e ambientou debidamente os seus locais e veladores; así como todas os espazos destinados a xantares e ceas de particulares que estaban apropiadamente engaladados, como xa é habitual ano tras ano. Cabe reseñar que moitos locais que se atopaban foro do ámbito da Feira Franca tamén estaban ambientados de época nesta ocasión.

No tocante ás medidas de seguridade, a organización destaca que toda a Feira desenvolveuse con absoluta normalidade, sendo un éxito a súa coordinación dado os miles de persoas que visitaron onte durante todo o día o centro histórico de Pontevedra.

Dende a Concellaría de Festas quérese subliñar o esforzo de todas as persoas que participaron na organización da festa, dende os traballadores do departamento de Cultura do Concello, até os servizos de seguridade e emerxencias e, por suposto, a todas as asociacións e entidades integradas no Consello da Feira Franca que onte traballaron arreo para devolver a Pontevedra ao medievo.

Os traballos de limpeza de todo o recinto da Feira Franca comezou coas primeiras luces do domingo, e prolongaranse durante toda a mañá e o mediodía, para devolver a Pontevedra ao século XXI. Os decorados e engalanados retiranse na semana entrante.

6 de setembro de 2015 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.